El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Vinte mozos protexen o medio e o patrimonio local de Ponteceso

Proceden de varios países e distintas cidades de España // Participan no campo de voluntariado Alí, Xaz // Colaboran na limpeza e conservación de elementos etnográficos e naturais // Desfrutan tamén de actividades lúdicas

Participantes no campo de voluntariado coa directora xeral de Xuventude onte no Couto.  - FOTO: Xunta
Participantes no campo de voluntariado coa directora xeral de Xuventude onte no Couto. - FOTO: Xunta

J. M. RAMOS  | 22.08.2019 
A- A+

Un total de vinte mozos e mozas de entre dezaoito e trinta anos participan dende o pasado día 13 no campo de voluntariado medioambiental e etnográfico Alí, Xaz que se desenvolve na aldea do Couto, en Ponteceso. Trátase dun grupo formado por xoves chegados de distintos puntos de Galicia e doutras cidades de España, e tamén de países como Francia, Rusia ou México, entre outros.

Ata o vindeiro sábado, día 24, desenvolverán diversas actividades como a limpeza e mantemento de espazos naturais e públicos da contorna do Couto, e tamén axudarán á identificación do rico patrimonio local pontecesán. Ademais, colaboraron xa con diversas iniciativas desenvolvidas na comarca, como a organización da Festa Galega de Malpica, ou o Certamen de Pintura ao Aire Libre Álvarez de Sotomayor, que se celebrou a pasada fin de semana na vila natal de Pondal.

O campo de voluntariado está organizado pola Xunta de Galicia, en colaboración coa Fundación Eduardo Pondal, dentro da Campaña de Verán. Onte, a directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel, puido coñecer de primeira man o labor medioambiental e etnográfico que está a levar a cabo este grupo de xente nova.

Despois de compartir con eles as súas experiencias, Pichel asegurou que estas iniciativas están a ser "enriquecedoras" e proveitosas para todos os participantes, xa que ademais de facer novas amizades, os xoves complementan a súa formación con asesoramento literario, histórico e ambiental, ao tempo que gozan de múltiples actividades de ocio.

Na comarca de Bergantiños, ademais do campo de voluntariado pontecesán, tamén se desenvolveu outro na Laracha, do 1 ao 12 de agosto, no que, igualmente, mozos e mozas de diferentes países desenvolveron traballos arqueolóxicos de delimitación e limpeza do Castro de Montesclaros e do seu entorno.

A experiencia servíulles para descubrir diferentes tipos de culturas, costumes e modos de vida, xa que coñeceron como vivían os poboadores dos castros. Ademais, os participantes realizaron actividades complementarias de aventura, talleres medioambientais e de debuxo arqueolóxico, xogos deportivos, rutas de sendeirismo e visitas culturais aos concellos da contorna.

 


PROPOSTAS NOVAS. A programación da Campaña de Verán 2019 oferta 30 propostas, cinco delas novas: A terra que habita no mar, no Concello do Grove; outro de protección e recuperación das dunas de Corrubedo, en Ribeira; un terceiro de temática ambiental en Manzaneda; un campo en Ourense denominado Riós, un mar de castiñeiros; e o primeiro campo de voluntariado intermunicipal que leva por nome Vía Xacobea: vía da prata, que se celebrará en Boqueixón e Vedra.

{ PASABA POR AQUÍ }

Aprender e axudar

INICIATIVAS coma os campos de voluntariado que a Xunta está a desenvolver en Ponteceso, e noutros concellos de Área, ofrecen non só unha oportunidade de aprendizaxe e intercambio cultural para os mozos que participan, senón que tamén contribúen a mellorar aqueles pobos nos que desenvolven as súas accións. Son actuacións que suman e aportan beneficios a toda a sociedade, polo que só cabe pedir que teñan continuidade no tempo e que, se é posible, cheguen a máis concellos. As experiencias pasadas din que os proxectos desenvolvidos deixaron bo sabor de boca tanto aos xoves como aos veciños dos pobos que os acolleron.

A PROTAGONISTA

Cristina Pichel

Directora xeral de Xuventude"enriquece a todos os participantes"

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asegurou que esta iniciativa "é enriquecedora para todas e todos os participantes non só a nivel formativo, senón tamén a nivel persoal, xa que fan novas amizades coas que realizan múltiples actividades de ocio". Lembrou que a programación estival da Xunta de Galicia achega á mocidade 10.000 prazas, distribuídas entre campos de voluntariado, programas de intercambios con outras comunidades autónomas, oferta concertada e outras iniciativas para maiores de 18 anos.

Pichel coñeceu onte as distintas actividades que fan os mozos e mozas do campo do Couto durante a súa visita á sede da Fundación Eduardo Pondal, acompañada do seu xerente, Xosé María Varela. Unha entidade que acolle tamén, cada ano, unha Escola de Verán para nenos e nenas.