El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Voluntarios de Camariñas van fabricar quince mil mascarillas

Foron mobilizados polo departamento da Mostra do Encaixe // Repartiranas a persoas en situación de risco e traballadores

Imaxe do material para fabricar as mascarillas - FOTO: Concello de Camariñas
Imaxe do material para fabricar as mascarillas - FOTO: Concello de Camariñas

JOSÉ M. RAMOS   | 27.03.2020 
A- A+

O Concello de Camariñas, a través do departamento da Mostra do Encaixe, artellou unha rede de voluntarios que xa están traballando para confeccionar 15.000 mascarillas, que repartirán entre as persoas en situación de risco, traballadores e tamén ao conxunto da poboación para loitar contra a expansión do Covid-19.

A través dos seus contactos, o equipo da Mostra conseguiu o material e que se sumasen á causa 40 persoas que traballarán desde os seus fogares, asumindo uns as tarefas de corte e outros as de costura.

Todas as mascarillas serán feitas con tea dobre para garantir unha maior protección. Catorce mil serán confeccionadas con material "tejido no tejido" (TNT) que adquiriu o Concello, e outras mil con algodón 100% doado pola empresa Yutes, de Barcelona. O material está sendo distribuído polos axentes da Policía Local e Protección Civil nas casas dos voluntarios.

Serán tamén os encargados de recoller todas as mascarillas cando estean listas e tamén se encargarán do reparto, que se fará a través das empresas que teñen que estar abertas ao público: supermercados, farmacias, panadarías, tendas de alimentación, agro...

A alcaldesa, Sandra Ínsua, aclara que "estas mascarillas non son válidas para o persoal sanitario ao non estar homologadas, pero serán útis para o día a día dos veciños".