El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Volven os mellores saldos ás vilas de Melide e Ordes

Na praza de abastos ordense poderanse atopar liquidacións entre o vindeiro xoves e o sábado // Inclúe curruncho infantil // MercaMelide terá este ano unha máquina filloeira // Hai sorteos para os consumidores

Un posto de zapatos do MercaMelide de agosto do ano pasado, ateigado de xente que mira as ofertas - FOTO: C. Melide
Un posto de zapatos do MercaMelide de agosto do ano pasado, ateigado de xente que mira as ofertas - FOTO: C. Melide

A. PRADA-M.M.  | 12.02.2019 
A- A+

Volven as mellores ofertas anticrisis a pé de concello, con dúas destacadas feiras de saldos, a de Ordes e Mercamelide, que se van celebrar dende o vindeiro xoves ata a fin de semana.

Así, a praza de abastos de Ordes será marco físico dunha nova feira de oportunidades que se vai desenvolver dende o vindeiro xoves 14 ao sábado 16 de febreiro, na súa oitava edición. Inclúe pezas de roupa, obxectos de decoración e calzado, entre outras, en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 20.30 horas. E, nesta edición, as firmas participantes serán Alfombra Roja (zapatería), Blanco Moda (infantil e xuvenil), Carma (zapatería), Chic (moda muller), Dress (moda muller), Juan Carlos Varela (moda infantil), Mis Personajes (xoguetería), Muxa (moda muller), Peteiro (decoración), Arco Iris (mercería), Dana e Aine (complementos), Numa (moda muller) e Sportec (deportes).

Do mesmo xeito, a organización deste evento ten previsto un curruncho infantil para as persoas que visiten a feira. Este servizo estará dispoñible o xoves e o venres de 18.00 a 20.00 horas. O sábado este horario ampliarase de 18.00 a 20.00 horas. A VIII Feira de Oportunidades está organizada polo propio Concello de Ordes para axudar a dinamizar o sectos comercial local e as vendas.

Pola súa parte, o MercaMelide de inverno celebrará a súa vixésimo terceira edición o próximo sábado 16 e domingo 17. Como cada ano celebrarase no palacio de Congresos e Exposicións e daranse cita os establecementos comerciais da zona, que ofrecerán diversos produtos a prezos reducidos. Os asistentes á feira poderán mercar nos postos instalados roupa, calzado, complementos, artigos para o fogar, mobles ou produtos de perfumería e beleza. Desta vez reuniranse unha vintena de locais que porán á venda os seus stocks de inverno.

O palacio de Congresos abrirá as portas ás 11.00 horas durante a fin de semana e os stands estarán dispoñibles ao público ata as 20.00 horas. Ademais de mercar aos mellores prezos, os que se acheguen ao MercaMelide desfrutarán de chocolate quente, da repostería melidense e de filloas, xa que nesta edición volve a máquina filloeira. Os consumidores entrarán tamén no sorteo de varios premios valorados en 600 euros.

Haberá espazo para os máis pequenos, pois están preparadas distintas actividades (entre as 16.00 e as 19.00 horas) dirixidas aos cativos que se acheguen á feira de saldos.

MercaMelide está organizado pola Asociación de Empresarios da vila (Asetem) e o Concello, co obxecto de darlle pulo ao pequeno comercio local, animando á veciñanza a consumir nos establecementos do municipio e á vez incentivando ás comarcas próximas a visitar Melide a fin de semana. Á parte desta edición de inverno, organízase cada ano outra de verán, que ten lugar no mes de agosto tamén no palacio de Congresos e Exposicións, e na que se pon á venda o stock de primavera-verán.