El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

'Zas polo miúdo' recupera a historia oficial dende 1852

Evaristo Domínguez e Xosé María Lema recolleron a información máis relevante das actas municipais // No 1911 apareceu na estrada de Baio o primeiro automóbil // Ese ano estiveron enxeñeiros facendo o estudo do ferrocarril

Casa do concello de Zas contra o ano 1930, nunha imaxe tomada polo fotógrafo Ramón Caamaño. - FOTO: CAAMAÑO
Casa do concello de Zas contra o ano 1930, nunha imaxe tomada polo fotógrafo Ramón Caamaño. - FOTO: CAAMAÑO

JOSÉ M. RAMOS  | 13.01.2019 
A- A+

Despois de documentar a realidade das 16 parroquias de Zas, os historiadores Evaristo Domínguez Rial e Xosé María Lema, completaron o programa Zas polo miúdo (http://www.concellodezas.org/portal-cidadan/zas-polo-miudo/gl) coa historial oficial do municipio baseada nas actas municipais que se conservan dende o ano 1852 ata a actualidade.

O espazo recolle dende asuntos de interese político e anécdotas até a evolución dos presupostos e dos soldos ou a "historia interminable" da construción da casa do concello. Aínda que como a maior parte dos concellos, o de Zas conformouse en 1836, pero dos seus 16 primeiros anos de existencia pouco se sabe "debido a que ou non se fixeron ou non se conservaron as actas municiapis", afirman os autores do estudo.

A partir de entón son múltiples e variados os acontecementos recollidos por Evaristo Domínguez e Xosé María Lema. Así, no 1903 creouse unha comisión para determinar os camiños máis necesitados de arranxos, decidindo que un deles fose o de Baio a Fornelos porque "se utiliza para carretar arena y madera ya que por la zona trabajan diariamente de 30 a 40 cuadrillas de serradores portugueses". Tres anos despois houbo unha protesta contra o Concello de Vimianzo pola venda dun anaco dun campo no lugar de Pazos. Entre as anécdotas locais, salientan os historiadores as 75 pesetas de hospital e 25 de viaxe que lle houbo que dar a unha muller do concello que fora trabada por un can rabioso.

A modernidade fíxose ver no 1911 cando, segundo Francisco Romero, o primeiro automóbil que apareceu na estrada de Baio levaba o rótulo de Automóviles Coruñeses, e facía a liña A Coruña-Corcubión. Dous anos despois, na estrada de Santiago o coche de cabalos, coñecido como "o coche de Rivadulla", foi substituído por un automóbil amarelo de nome El Noroeste. Despois un auto azul, rotulado La Amistad, fíxolle competencia.

O primeiro turismo que houbo en Baio foi o do avogado Joaquín Álvarez Labarta (1916-1917), e o primeiro camión dun veciño de Baio foi o do industrial José Martínez Vázquez, namentras que o comerciante de tecidos Ricardo Mira foi o que tivo o primeiro ómnibus.

No 1911 estiveron en Baio os enxeñeiros que estaban facendo o estudo do ferrocarril A Coruña-Carballo-Corcubión, chamado o dos Tres Ces. O estalido da guerra no 1914 frustrou o proxecto, aínda que foi unha reclamación constante por parte de xentes da Costa da Morte. En 1921 o banqueiro corcubionés José Miñones retomou as reivindicacións, pero o proxecto nunca saíu adiante.

Outra das datas sinaladas na historia de Zas é a do 13 de maio de 1925, cando morreu en Barcelona, nun accidente ferroviario, o escritor e xornalista baiés Enrique Labarta Pose. A súa memoria foi honrada nun acto público o 11 de xullo de 1927 en Baio. Tres anos despois, no 1930, téndeuse o fío telefónico entre A Coruña e Corcubión, e en novembro inauguraouse a estación de teléfonos de Baio. Ata 1975 a vila de Zas só tivo un único teléfono, o da Casa do Concello.

Estas é outras moitas historias están recollidas en Zas polo miúdo, unha iniciativa da concellería de Cultura, que encabeza Manuel García Velo, para divulgar a historia do Concello de Zas.