El Correo Gallego

Noticia 7 de 69 noticia anterior de Lousame Área de Compostela » Lousame

Abre as portas ó público o albergue lousamián de Toxosoutos, reformado

Ten catro habitacións e unha construción anexa // O Concello ofreceralle á adxudicataria a vella reitoral, o muíño e a Casiña da Fervenza // Farán actividades de dinamización

Medio cento de persoas achegáronse a coñecer as instalacións. - FOTO: C.L
Medio cento de persoas achegáronse a coñecer as instalacións. - FOTO: C.L

S. SOUTO  | 01.03.2020 
A- A+

O albergue de Toxosoutos (Lousame) abriu onte oficialmente as súas portas ao público tras o éxito da experiencia piloto rexistrada o pasado fin de ano. A empresa concesionaria, Karios The Experience Company, celebrou unha xornada de portas abertas á que se sumaron 50 persoas, entre elas a alcaldesa, Teresa Villaverde, e os concelleiros de Obras, Ramón Martínez, e de Cultura, Silvia Agrafojo.

O xerente da firma, Miguel García, guiou ós presentes polas renovadas instalacións, que contan con catro habitacións (unha de catro prazas, dúas de tres e unha dobre) e cun inmoble aparte, denominado A casiña da Fervenza, habilitado para dúas ou tres persoas. Todas teñen baño e están decoradas cunha temática diferente e relacionada coa tradición galega: a peneira, o batán, o muíño e o pombal. Ademais, aproveitou a presenza da rexedora para anunciarlle que "imos pasarnos polo Concello para presentar proxectos para dinamizar e poñer en valor este lugar, que ten moito máis que ofrecer que o mosteiro e unha contorna espectacular coas fervenzas e o río".

"Hoxe abrimos as portas despois de moitos meses de traballo duro en todas as áreas, dende aspectos construtivos ata permisos e burocracia. Un camiño duro pero que agora temos que complementar desenvolvendo experiencias que ofrecerlle ao viaxeiro, porque son tan ou máis importantes que as propias instalacións", explicou García.

C.L.
A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, nunha das habitacións. Foto: C
FOTO: C.L.

Pola súa banda, a mandataria lousamiá amosou a súa satisfacción pola posta en marcha do establecemento, que cualificou como "un pasiño máis na posta en valor de Lousame, o noso patrimonio e a nosa natureza".

Neste sentido, lembrou que "recentemente puxemos en marcha o miradoiro da Muralla, que trouxo a tal cantidade de xente que atascou os accesos na súa primeira fin de semana. E estamos traballando na posta en valor do monte de San Lourenzo, un sobreiral con configuracións graníticas espectaculares e un miradoiro sobre a ría de Muros-Noia". Así mesmo, explicou que o trazado do Camiño a Santiago pola ría de Muros-Noia pasa pola contorna, "o que será tamén un punto de atracción de visitantes".

A administración local vai poñer a disposición da adxudicataria tres fincas de natureza rústica na parroquia de San Xusto (de 210, 5.024 e 581 m2) e tres bens de natureza urbana: a antiga reitoral (onde van as catro habitacións, sala de xuntas, cociña e cafetería-comedor), unha edificación anexa (A Casiña da Fervenza) e o muíño, que dispoñen de auga, luz e depuración de augas residuais.

Unha contorna que está cedida ao Concello polo Arcebispado de Santiago de Compostela por un período de trinta anos, en virtude dun convenio asinado o día quince de marzo de 1996 co obxectivo central de destinalo a actividades de carácter cultural, social, educativas e turísticas.