El Correo Gallego

Noticia 16 de 42 noticia anterior de Lousame Área de Compostela » Lousame

Cólanse na planta medioambiental lousamiá 1,5 toneladas de aparellos electrónicos ó ano

SUSO SOUTO LOUSAME  | 07.08.2019 
A- A+

O Complexo Medioambiental Serra do Barbanza, sito en Lousame, alertou onte de que máis de 1,5 toneladas de residuos de aparellos electrónicos e eléctricos aparecen cada ano mesturados co resto de residuos. Tras lembrar a prohibición de depositalos nos colectores da rúa, advirten que conteñen elementos contaminantes na súa composición que afectan negativamente ao medio ambiente e á saúde, como os metais férricos, os plásticos, o cobre ou o aluminio.

Ademais, a dirección de dita instalación denuncia que a Mancomunidade de Concellos Serra do Barbanza ten concedidas dúas liñas de axuda dende 2017, que ascenden a 184.00 euros e cos que "a día de hoxe, aínda non se levou a cabo ningunha iniciativa".

As subvencións concedidas son, por unha banda, para mellorar a recollida separada de biorresiduos cunha dotación de 147.00 euros, mediante campañas de sensibilización orientadas ao sector hostaleiro, mercados ou comedores escolares para optimizar a separación dos restos orgánicos e así obter compost, con achegas de ecocubos e material didático, así como tamén para impulsar a recollida da fracción vexetal para destinar á planta de compostaxe e ciclos de formación a responsables da administración local e en centros de ensino.

E, por outra, para a implantación da compostaxe caseira e comunitaria (case 38.000 euros) instaurándoa de xeito individual (vivendas con hortas) e comunitaria nos concellos mancomunados, así como para a formación e seguimento dos proxectos.

Neste sentido, en representación do mencionado complexo lousamián, Benito García lamenta que na actualidade "non hai constancia da posta en marcha de ningunha das dúas liñas de axudas e hai que ter en conta o prazo de execución das mesmas, que segundo a convocatoria era de 24 meses cunha prórroga doutros 6 máis, a partires da transferencia do financiamento".