El Correo Gallego

Noticia 35 de 44 noticia anterior de Lousame Área de Compostela » Lousame

Lousame aproba no pleno municipal investir nunha reforma integral da piscina

M. CANO   | 16.03.2019 
A- A+

Lousame. O pleno municipal de Lousame aprobou onte por unanimidade a participación do Concello no POS+ Adicional 2019, que suporá un investimento de 247.318 euros na localidade en dous proxectos: unha reforma integral da piscina e a pavimentación do viario entre Servia e a estrada de Padrón. Trátase da proposta que foi aprobada polos cinco concelleiros do Partido Popular e o voceiro socialista presentes na sesión.

A alcaldesa lousamiá, Teresa Villaverde, explicou que "tiñamos un estudo para facer melloras na piscina co que tentamos conseguir unha subvención nominativa e puidemos refacelo nos últimos días para poder presentar nesta convocatoria". Un plan que contempla un investimento de 163.777 euros para a reparación, "impermeabilizando o vaso e arreglando as instalacións da sala de máquinas, así como como a ampliación e novo pavimento para a zona de praia e arranxos das duchas e na carpintería interior", sinalou a rexedora. Os traballos teñen un prazo de execución máximo de tres meses.

A outra actuación, orzamentada en 83.540 euros, contempla o pavimentado do viario entre Servia (parroquia de Vilacova) e a estrada de Padrón. "Nestes días rematamos o arranxo dos accesos ata esta aldea dende a planta da Mancomunidade, e estamos trallando na instalación da depuradora e a finais do verán agardo poder executar esta obra", apuntou Villaverde.

DEBATE. O voceiro do PSOE, Julio Paradela, votou a favor da proposta, se ben se amosou disconforme coa hora da convocatoria do pleno, que impediu a asistencia do resto de concelleiros socialistas: "Hai que conciliar. Puidemos facelo ás 09.00 horas e estráñame que se esperara a última hora, pois isto aprobouse o 1 de marzo e vostede é deputada provincial", afirmou Paradela, quen se abstivo á hora de aprobar a urxencia da moción.