El Correo Gallego

Noticia 6 de 69 noticia anterior de Lousame Área de Compostela » Lousame

Lousame aumenta un 40 % as horas do servizo de axuda no fogar a dependentes

S. SOUTO   | 27.02.2020 
A- A+

O Concello de Lousame vén de adxudicar provisionalmente á empresa Sanamede SL cun orzamento de 547.443 € e por un período de 12 meses, non prorrogables, a prestación dun total de 30.000 horas do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para persoas dependentes. Dita cifra supón un 40 % máis sobre as 21.400 contempladas na anterior licitación. A adxudicataria foi emprazada para presentar a documentación requirida no expediente de contratación, con vistas á adxudicación definitiva. O prego de condicións valorou sobre todo a calidade do servizo que recibirán as persoas dependentes, que supuxo o 60 % da puntuación total, á vez que o peso dos criterios económicos baixou ó 40 % da valoración. Na contratación previa esta proporción era do 51 % para as condicións do servizo e do 49 % para o seu custo. Unha vez aplicados estes criterios, Sanamede S.L. quedou en primeiro lugar, con 78,89 puntos, seguida por Son a túa axuda S.L. (70,27), Idades S.L. (66,39), Servicios Sociales Ulla-Sar S.L. (64,14) e Fundación para el estudio y la promoción de la accion social (64,14).