El Correo Gallego

Noticia 13 de 63 noticia anterior de Lousame Área de Compostela » Lousame

Lousame busca declarar espazo natural o parque de San Lourenzo

Villaverde mantivo unha reunión con Vázquez para tratar as demandas en equipamentos urbanos da vila // Interesouse polos puntos limpos móbiles

Ángeles Vázquez, esquerda, e Teresa Viilaverde durante a reunión de traballo que mantiveron - FOTO: Xunta
Ángeles Vázquez, esquerda, e Teresa Viilaverde durante a reunión de traballo que mantiveron - FOTO: Xunta

MARÍA CANO   | 23.10.2019 
A- A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asesorará ao Concello de Lousame na tramitación necesaria para poder declarar como Espazo Natural de Interese Local (Enil) o Parque de San Lourenzo, situado na parroquia de Tállara. A conselleira Ángeles Vázquez, trasladou esta colaboración á alcaldesa lousamiá, Teresa Villaverde Pais, coa que mantivo unha reunión de traballo para coñecer as demandas do municipio en materia de equipamentos urbanos.

A representante da Xunta trasladoulle que este mesmo verán se aprobou a nova Lei de Patrimonio Natural, un texto chamado a protexer e garantir a conservación de todos os valores e elementos naturais que conforman a Galicia verde e azul coa que se identifica á comunidade. Recordoulle á rexedora que -de acordo coa lei,- a declaración dun novo espazo protexido levará aparellada a aprobación do correspondente instrumento de planificación, que terá unha vixencia indefinida.

Por outra banda, co obxectivo de mellorar a xestión dos residuos urbanos do concello, Villaverde interesouse polas achegas para a implantación de puntos limpos móbiles. Ángeles Vázquez explicoulle que a Consellería habilitou unha orde de axudas para colaborar coas administracións municipais na adquisición dos mesmos, cun investimento neste capítulo de 647.000 euros.

A conselleira invitou á alcaldesa de acollerse a esta liña de incentivos para habilitar as instalacións e mellorar e a ampliar o servizo que se ofrece grazas á rede galega de puntos limpos de Galicia (composta actualmente por 147 infraestruturas fixas) para a xestión de residuos especiais de competencia municipal, co fin de favorecer a súa adecuada recollida, clasificación e preparación para a reutilización.

Por último, abordaron a posibilidade de establecer liñas de colaboración para levar a cabo actuacións que permitan mellorar e recuperar as infraestruturas e equipamentos públicos e de uso colectivo. Nese sentido, Vázquez comprometeuse a analizar as posibilidades do departamento de Urbanismo, co fin sacar adiante proxectos que presente o Concello.

Ángeles Vázquez

Conselleira de Medio Ambiente

A declaración dun novo espazo levará aparellada aprobar o correspondente instrumento de planificación"