El Correo Gallego

Noticia 19 de 63 noticia anterior de Lousame Área de Compostela » Lousame

Lousame incrementará o Servizo de Axuda no Fogar

Chegará a unhas 30.000 horas, o que supón un 40 % máis // O pleno tamén aprobou a bonificación do IBI a explotacións

Fabiola García, esq., e Teresa Villaverde nunha xuntanza na que falaron do SAF - FOTO: X. G.
Fabiola García, esq., e Teresa Villaverde nunha xuntanza na que falaron do SAF - FOTO: X. G.

MARÍA CANO   | 03.12.2019 
A- A+

O pleno do Concello de Lousame aprobou por unanimidade o expediente de contratación para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para persoas dependentes. O importe de licitación será de 517.582 euros por un período de dous anos. Segundo explicou a alcaldesa lousamiá, Teresa Villaverde, unha das súas principais novidades é que chegará a unhas 30.000 horas anuais, o que supón un 40 por cento máis.

Outros cambios introducidos na documentación para licitar o servizo supoñen adaptalo aos custos actuais do persoal. Deste xeito, increméntase en dous euros por hora, ao ter en conta o convenio colectivo do sector e o aumento do IPC desde que venceu.

Por outra parte, tamén por unanimidade, a sesión sacou a diante unha bonificación do 95% do Imposto de Bens Inmobles (IBI) en 2020 a dez explotacións do sector primario. Acolléndose á normativa legal, declarouse que a actividade que se desenvolve nestes inmobles ten un especial interese e utilidade no municipio, debido ás súas circunstancias socioeconómicas e á relevancia para o emprego local. Este será o terceiro ano consecutivo que o Concello de Lousame outorga esta bonificación.

Asemade, a Corporación autorizou dúas modificacións dos orzamentos municipais, unha incluída na orde do día e outra introducida por vía de urxencia. En conxunto suman uns 20.000 euros que se mobilizan desde partidas con excedentes a outras con necesidade de recursos. Corresponden maioritariamente a facturas de consumo enerxético que tamén foron recoñecidas nesta sesión para seren pagadas en canto sexan efectivos os cambios.

Por último, os concelleiros debateron dúas mocións relativas ao 25 de novembro como Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. A proposta presentada polo PP foi aprobada por unanimidade. O texto destaca que a violencia de xénero constitúe unha grave violación dos dereitos humanos e propón accións políticas e cambios lexislativos e normativos nos niveis estatal, autonómico e local para atallar fenómenos como a trata de seres humanos con fins de explotación sexual e para evitar a publicidade de carácter sexual.

Mentres que a moción presentada polos socialistas decaeu ante a abstención do grupo do goberno, pois disinte de adherirse á campaña En Negro.

VIOLENCIA

Mesa Local Teresa Villaverde lembrou que Lousame foi o primeiro Concello da contorna en constituír a Mesa Local Contra a Violencia de Xénero, fixo repaso das numerosas iniciativas na materia e incidiu na importancia da educación: "É fundamental aínda que tarda en dar froitos, ou traballamos nese sentido e concienciamos unha xeración completa ou non será posible un cambio", afirmou.