El Correo Gallego

Noticia 18 de 46 noticia anterior de Lousame Área de Compostela » Lousame

Lousame mellora os viarios na aldea de San Xusto de Toxosoutos

M. CANO   | 14.06.2019 
A- A+

O Concello de Lousame vén de iniciar a mellora de dous viarios no interior da aldea de San Xusto de Toxosoutos, nos que investirá algo máis de 40.000 euros. Trátase de dúas obras incluídas noutros tantos proxectos do Plan Único de Concellos POS+2018 e que teñen un prazo de execución de seis meses, aínda que dende o executivo local contan con que estén rematadas este mesmo verán.

O primeiro en poñerse en marcha foi a mellora do acceso a San Xusto desde a estrada de Sabugueiro, onde esta semana xa se repararon as fochancas e se nivelou a estrada, traballos previos á rehabilitación da capa de superficie con tratamento asfáltico semiprofundo. As obras terán lugar nun tramo de 140 metros, que gañará dous metros de ancho, un a cada lado da vía. Ademais, contémplase a construción dunha cuneta de 40 metros revestida de formigón para o correcto drenaxe deste camiño.

Así mesmo, tamén deron comezo as obras de mellora dos accesos á parte alta de San Xusto. Unha actuación iniciada coa demolición do pavimento existente. Posteriormente procederase á nivelación e compactación dos viarios, divididos en dous tramos de 50 e de 160 metros, que o Concello de Lousame pavimentará con cinco centímetros de zahorra e doce de formigón. Tamén incluirán a adaptación dos pozos e arquetas existentes á nova rasante resultante destes traballos.

A alcaldesa en funcións de Lousame, Teresa Villaverde, explicou que "estes traballos forman parte do noso plan para mellorar os accesos e os interiores das nosas aldeas en todas as parroquias, xa que están incluídas en sendos proxectos máis amplos" e que tamén comprende "melloras en Arxellas, Lesende, Escabia ou Aldariz", puntualizou.