El Correo Gallego

Noticia 5 de 69 noticia anterior de Lousame Área de Compostela » Lousame

Lousame saca a licitación a reforma integral da piscina

As obras inclúen a impermeabilización do vaso así como a ampliación da zona de praia // Invisten un total de 163.777 €

O edil de Deportes e a concelleira de Cultura durante unha visita á instalación - FOTO:  C. L.
O edil de Deportes e a concelleira de Cultura durante unha visita á instalación - FOTO: C. L.

MARÍA CANO  | 07.02.2020 
A- A+

O Concello de Lousame vén de sacar a licitación a reforma integral da piscina municipal por un importe de 163.777 euros e un prazo de execución de tres meses. As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas no consistorio ata o vindeiro 24 de febreiro.

O proxecto inclúe a substitución do sumidoiro do vaso por outro novo con rexilla de plástico e a revisión e selado de inxectores do vaso da piscina. Ademais, procederase á impermeabilización do mesmo cunha membrana antiesvarante e á instalación dun novo pavimento para todo o exterior. Asemade, contémplase a ampliación da zona de praia da piscina en catro metros.

Polo que respecta a sala de máquinas, está prevista a colocación dunha nova electrobomba centrífuga, dun caudalímetro electromagnético, dunha sonda a nivel e dun novo circuíto de tuberías, válvulas e accesorios precisos. Así mesmo, renovarase a fontanería na sala de bombas, o cadro eléctrico e dous reguladores do PH e do cloro da auga piscina.

Tamén se contempla a colocación dunha rede eléctrica de distribución interior da sala de máquinas, a substitución do alumeado da zona de vestiarios e unha nova instalación de electricidade para o alumeado exterior, con novas luminarias de tecnoloxía LED.

Finalmente, está previsto actuar sobre a carpintería e as paredes, ás que se lles aplicarán tratamentos protectores e antihumidades, así como pintura.