El Correo Gallego

Noticia 24 de 177 noticia anterior de Noia Área de Compostela » Noia

Actividades en Noia e Muros polo Día da Discapacidade

M. C.   | 03.12.2019 
A- A+

Con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, a asociación Misela de Noia sacará á rúa o calendario solidario 2020 baixo o lema Nós somos igual de capaces. Durante o día de hoxe persoal e usuarios do colectivo instalarán, ás 11.00 horas, un posto no Concello noiés onde os interesados poderán adquirilos.

O obxectivo desta iniciativa, segundo indicaron dende a entidade, "é facer visible que non é a discapacidade o que fai difícil a participación e a inclusión, senón as barreiras que pon a sociedade". Estas barreiras non son só físicas, "senón que tamén son de actitude, comunicación, sociais... Toda a sociedade ten que loitar para que estas desaparezan, e garantir unha accesibilidade plena e efectiva para todos". No calendario inclúense fotos da vida cotiá das persoas usuarias, participando en diversas actividades da súa contorna.

Asemade, Misela iniciou unha campaña de sensibilización na súa páxina de Facebook. Para sumarse á mesma, poden subir unha foto cun cartel que inclúa o texto #nossomosigualdecapaces, etiquetando ao coletivo na publicación.

Por outra banda, a asociación Adisbismur de Muros celebrará unha xornada de portas abertas no centro que teñen en Valadares, en Outes, e logo a partir das 11.00 horas expoñerán os produtos que realizan no centro nos soportais da avenida Castelao, na vila muradana, e fronte á casa da cultura outense.