El Correo Gallego

Noticia 19 de 139 noticia anterior de Noia Área de Compostela » Noia

Arrancan as obras na Praza das Américas

Freire avanzou que está previsto que se inicien o vindeiro mes // Inclúen a humanización e remodelación deste punto da vila de Noia // A Xunta e o Concello financian esta actuación

ESPERANZA POUSO NOIA   | 25.07.2019 
A- A+

O alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón, avanzou onte que as obras de humanización e ordenación da Praza das Américas está previsto que se inicien o vindeiro mes de agosto. A execución dos traballos necesarios para mellorar este punto da vila recolle un investimento de máis de 80.000 euros, dos cales a Xunta aportará un oitenta por cento e a parte restante o Concello.

Esta intervención contempla a reorganización do estacionamento e o tránsito de peóns, a reconfiguración da glorieta, o aumento da seguridade viaria e a mellora do aspecto paisaxístico, contribuíndo, deste xeito, "á súa integración co casco histórico da vila", indicou o mandatario local.

Trátase dunha zona moi concorrida, pola súa proximidade ao centro de saúde do municipio, pola importante ocupación residencial e tamén por ser un punto relevante para o comercio noiés, con negocios, locais e distintos servizos. Deste xeito, ao termo das obras, os usuarios e usuarias desta área contarán con beirrarúas máis amplas, pavimentos adaptados ás persoas con discapacidades sensoriais ou espazos axardinados.

Segundo comentou Freire Abeijón, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, departamento que dirixe Ángeles Vázquez, "comunicounos que se fixo o trámite de licitación e están coa proposta de resolución". A partir de aí, "en agosto cóntase co inicio dos traballos, que se prolongarán ao longo dos seguintes meses", dixo.

O executivo noiés conta con que poidan estar "rematadas en outubro ou novembro", afirmou o rexedor, quen lembrou esta actuación inclúese no Plan Urbe -programa polo que se executa esta obra e posto en marcha polo Goberno galego en 2010- que ten entre as súas finalidades fomentar a humanización das vilas de Galicia.