El Correo Gallego

Noticia 122 de 126 noticia anterior de Noia Área de Compostela » Noia

Chocan contra un edificio en Noia e falecen ambos no acto

Ela era unha muller de 41 anos e el un mozo de 21 // Non se descarta un despiste

Edificio contra o que bateu o turismo e estado no que quedou o vehículo - FOTO: ECG
Edificio contra o que bateu o turismo e estado no que quedou o vehículo - FOTO: ECG

CLAUDINA ESTÉVEZ   | 25.02.2019 
A- A+

Un mozo e unha muller faleceron a madrugada de onte tras quedar atrapados ao sufrir un accidente mentres circulaban no seu vehículo ao paso pola parroquia coruñesa de Santa Mariña do Obre.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, ao fío das 05.15 horas, un turismo chocou contra unha vivenda ao saírse da vía na AC-550, á altura do punto quilométrico 74. Os ocupantes atopábanse ambos inconscientes e o vehículo turismo estaba en moi mal estado.

De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias puxeron en marcha un operativo que contou coa intervención do 061-Urxencias Sanitarias, dos Bombeiros de Boiro, dos membros do GES de Brión, da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local, dos voluntarios de Protección Civil de Noia e tamén se deu aviso ao servizo de mantemento da estrada por se fose necesaria a súa colaboración na limpeza da vía.

Tras as labores de excarceración, as vítimas foron atendidas polos servizos sanitarios de urxencia que realizaron, sen éxito, as manobras de reanimación pertinentes.

Os falecidos eran de nacionalidade dominicana, aínda que tiñan residencia no municipio. Ademais as vítimas, unha muller de 41 anos e un mozo de 21, eran moi coñecidos na vila. Entre as causas do accidente, barállase a posibilidade de que fose producido por unha distracción do condutor. Tampouco se descarta un episodio de somnolencia por parte do mesmo, aínda que parece improbable porque circulaba a unha velocidade inadecuada tendo en conta que a zona é casco urbán.

A Policía Local de Noia explicou que é probable que o mozo acudise a recoller á nai da súa noiva, que saía de traballar nun local de hostalaría. Ao seu regreso, ambos impactaron coa columna dun edificio, polo que ocorreu o desafortunado suceso.

 


FISTERRA Outra saída de vía produciuse en Fisterra, e saldouse cunha persoa ferida que tivo que ser excarcerada tras quedarse atrapada ao chocar o coche no que viaxaba contra unha casa na Rúa Cabello, á altura do número 37. Foi un particular a que contactou co 112 Galicia poucos minutos antes das 07.00 horas da mañá de onte para informar do suceso.

Rápidamente, os xestores do CIAE 112 solicitaron a colaboración dos servizos sanitarios de urxencia, dos Bombeiros de Cee, da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local e tamén dos voluntarios de Protección Civil da localidade. A persoa ferida foi trasladada ao centro hospitalario de referencia da zona.