El Correo Gallego

Noticia 97 de 143 noticia anterior de Noia Área de Compostela » Noia

Conmemoran a primeira sentenza ditada en galego na xurisprudencia de Noia

No acto, os alcaldes do partido xudicial van asinar un texto de compromiso co idioma

E.P. NOIA  | 29.03.2019 
A- A+

O xulgado noiés acollerá hoxe a firma da Declaración de Noia con motivo da celebración da primeira sentenza ditada en galego da xurisdicción deste municipio. Terá lugar ás 12.30 horas e darán conformidade ao texto os mandatarios locais do partido xudicial: Santiago Freire (Noia), Luis Oujo (Porto do Son) e Teresa Villaverde (Lousame). Tamén participarán o presidente da Irmandade Xurídica da Lingua, Xoaquín Monteagudo, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

"As corporacións locais do país xogaron un papel fundamental a prol de converter o galego no idioma oficial das administracións públicas", aprobando regulamentos que contribuíron a que a situación evolucionara ata a actualidade. Por iso, con esta sinatura os rexedores asumen o compromiso público de atender aos cidadáns neste lingua; promover a súa visión afable; abrir camiño cara a máis funcións sociais e espazos de uso; e procurar para recursos lingüísticos e técnicos. Ademais, comprometeranse "a liderar o proceso de normalización lingüística no ámbito local e nos eidos das actividades administrativas e das profesións xurídicas", reza o documento.

No acto estará presente a maxistrada que hai catro anos pronunciou a sentenza na lingua nai, Lorena Tallón. Asegura que "cando comecei a traballar, decidín empregar a fala e sempre o fixen así. Cando cheguei a Noia, a finais do ano 2015, e ditei a sentenza non constituíu nada extraordinario para min". A xuíza comentou que son múltiples os factores que determinan o seu uso nesta área: "A formación, os textos xurídicos en castelán, e o sistema informático, que tampouco é bilingüe".

No evento, organizado pola Irmandade Xurídica Galega, descubrirase unha placa como recoñecemento ao emprego do idioma.