Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Conmemoran a primeira sentenza en galego ditada en Noia por Lorena Tallón

Ocorreu fai só pouco máis de tres anos// A maxistrada dixo que, pese á cooficialidade, "non fomos quen de superar a diglosia"

O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Noia acolleu onte un acto conmemorativo da primeira sentenza en lingua galega ditada neste partido xudicial (que abrangue, ademais deste municipio, a Lousame e Porto do Son), por parte da maxistrada Lorena Tallón o día 3 de decembro de 2015.

Estivo organizado pola Irmandade Xurídica Galega e pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo da Xunta e o Concello.

Ao evento asistiron, ademáis da homenaxeada, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; os alcaldes de Noia, Santiago Freire, e Porto do Son, Luis Oujo; o tenente de alcaldesa de Lousame, Ramón Martínez; o presidente da citada entidade, Xoaquín Monteagudo; e os letrados Tania Castro e Jacob Del Río, entre outros.

Todos eles participaron no descubrimento dunha placa que recorda tal acontecemento na entrada do inmoble, na que se recoñece o traballo do persoal e dos operadores "que contribúen a normalizar o noso idioma" neste ámbito.

O rexedor noiés afirmou que "temos que promover e seguir impulsando a utilización do galego pola vía da sedución, non da imposición". Neste sentido, destacou que é nas administracións locais onde o uso da nosa lingua está máis normalizado".

Pola súa banda, o representante do mencionado departamento autonómico gabou ós que se esforzan día a día "para que as persoas galegofalantes se decaten de que o seu idioma é benvido e que poden empregalo con total liberdade e plenas garantías".

A xuíza Tallón amosou a súa "inquedanza" polo feito de que "este acto responde a esa situación de anomalía que persiste no tempo" e lembrou que a Constitución estableceu a cooficialidade das dúas linguas, pero que "hoxe, corenta anos despois, non fomos quen aínda de superar esa situación de diglosia".

29 mar 2019 / 22:41
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito