El Correo Gallego

Noticia 66 de 102 noticia anterior de Noia Área de Compostela » Noia

Freire presenta a súa lista e acredita "a boa xestión feita, non só con palabras"

Máis de catrocentas persoas acudiron ao acto // O líder do PP noiés recordou todos os proxectos que puxo en marcha

O candidato a ocupar a alcaldía de Noia polo PP, Santiago Freire (centro), xunto ó seu equipo na presentación - FOTO: C. S.
O candidato a ocupar a alcaldía de Noia polo PP, Santiago Freire (centro), xunto ó seu equipo na presentación - FOTO: C. S.

ESPERANZA POUSO NOIA  | 08.05.2019 
A- A+

Os noieses encheron o Coliseo Noela o pasado luns para acudir a presentación da candidatura do Partido Popular de Noia ás vindeiras eleccións municipais,

Unha lista liderada polo actual alcalde, Santiago Freire Abeijón, "o mellor candidato de todos os que se presentan e o único coa experiencia necesaria para seguir xestionando os proxectos que melloran o benestar e a calidade de vida dos veciños e veciñas", apuntou a número 3, Laura Salgado García, quen actuou como mestra de cerimonias.

Pola súa banda, o cabeza de cartel do PP puxo en valor o realizado nos últimos tres anos: "non foi un mandato completo e, en moitos aspectos, dispoñer dese ano menos ten consecuencias á hora da xestión xa que moitos dos proxectos que puxemos en marcha estarían hoxe en día materializados ou facéndose".

Neste sentido, puxo como exemplo a construción do novo Museo do Mar, as beirarrúas de San Bernardo ou a reordenación ambiental do Testal. Unhas actuacións recollidas nunha publicación de 48 páxinas que os populares repartiron entre as máis de 400 persoas que os arrouparon no acto.

Freire asegurou que o documento "acredita a boa xestión con feitos, non só con palabras", e incidiu en que "hai que trasladar todo o traballo que fixemos e que a xente sexa consciente de que moitas cousas non estaban ata que chegamos nós ao Goberno". Así, afirmou que "hai quen me dixo que o retranqueo do muro do Marqués xa estaba feito antes de chegar nós, cando o convenio con Manuel Varela firmeino eu".

Por iso, o candidato considera que todo o feito debería permitirlle renovar a confianza dos noieses. "Nos someteremos á súa vontade coa cabeza ben alta e a seguridade de que fixemos un traballo responsable e que non temos nada que agochar", manifestou.

Á presentación dos populares acudiron a alcaldesa e candidata do PP de Lousame, Teresa Villaverde; o alcalde e candidato do PP de Ribeira, Manuel Ruiz; os ex alcaldes de Noia Antonio Pérez Insua e Mari Carmen Abeijón, así como concelleiros de municipios próximos.