El Correo Gallego

Noticia 1 de 196 noticia anterior de Noia Área de Compostela » Noia

Invisten 700.000 euros na posta en valor do viaduto medieval de Pontenafonso

Ethel Vázquez anuncioulle a Santiago Freire que en 2020 se acometerán tamén melloras na Ponte de Ceilán e de Noia

Pola esquerda, Santiago Freire, Ethel Vázquez e Laura Salgado durante a reunión de traballo que mantiveron - FOTO: C. N.
Pola esquerda, Santiago Freire, Ethel Vázquez e Laura Salgado durante a reunión de traballo que mantiveron - FOTO: C. N.

MARÍA CANO  | 06.12.2019 
A- A+

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel vázquez, anuncioulle ao alcalde de Noia, Santiago Freire, o investimento de 700.000 euros na posta en valor de Pontenafonso. Así llo trasladou nunha reunión que mantiveron recentemente, na que tamén participou a concelleira de Economía, Laura Salgado.

Esta actuación, prevista para o vindeiro ano, inclúe a eliminación da actual capa de aglomerado na superficie, que será substituída por outra con adoquíns. "So poderán pasar turismos e vehículos autorizados ata unha determinada tonelaxe para garantir a súa preservación", adiantou o rexedor noiés. A maiores, cambiaranse os elementos de protección danados e implantarase un novo sistema de alumeado.

Durante o encontro, Vázquez explicoulle Freire as motivacións do atraso nas obras do novo alumeado da Ponte de Noia, que inicialmente tiñan que estar executadas no verán. Os traballos, cun custe de 280.000 €, comezaron hai uns meses pero "a empresa adxudicataria presentou unha quebra técnica, polo que hai que iniciar de novo o proceso de licitación", apuntou o alcalde.

Asemade, a titular de Infraestruturas tamén confirmou ao mandatario local a intervención no viaduto de Ceilán sobre o río Tambre de reforzo dos elementos de protección lateral da ponte. Unha actuación que conta cun orzamento superior aos 200.000 euros e cuxo proceso de licitación quedara deserto no 2019.

Por outra banda, Freire trasladoulle á representante da Xunta a necesidade de seguir traballando para optimizar as instalacións da depuradora e contar cunha proposta de colaboración entre ambas administracións. Nesta liña, a conselleira confirmou a boa marcha da elaboración do Plan Director de Saneamento do municipio, que permitirá facer un diagnóstico global da rede.

Finalmente, Ethel Vázquez avanzou que o proxecto de construción dunha rotonda na AC-550, na Barquiña, e dunhas novas beirarrúas ao longo desa travesía ata a Alameda, presupostado en 1.170.000 €, someterase a exposición pública nos primeiros meses do 2020.