El Correo Gallego

Noticia 83 de 127 noticia anterior de Noia Área de Compostela » Noia

Mara preserva os cantos de arrolar antigos da comarca

Trece concellos participan en Tecendo Soños, co que se divulgarán en vídeo as voces

ESPERANZA POUSO   | 27.03.2019 
A- A+

Concellos das comarcas do Barbanza e Santiago participarán nos próximos meses en Tecendo Soños, un proxecto de recuperación e divulgación do canto de arrolar dirixido pola noiesa Esperanza Mara, que ontefoi presentado na casa da cultura de Noia.

Unha iniciativa que nace co patrocinio de Brión, L­ousame, Muros, Noia, Outes, Padrón, Rianxo, Ribeira e Rois, asi como coa colaboración de A Pobra do Caramiñal e Porto do Son e cos municipios de Boiro e Dodro que aínda non confirmaron a modalidade de participación.

A soprano, directora de EmanArte, explicou que este traballo consta de dúas partes: un estudo musicolóxico e un CD. "O primeiro é a labor de campo, que se concentrará en pequenas entrevistas e que se presentarán en formato dixital, vídeo e audio. A forma de difusión máis axeitada para visibilizar ás informantes, pois é importante que se coñeza a quen achega toda esta sabedoría", puntualizou. Tamén avanzou que "isto dará pé a artigos de investigación".

A intérprete indicou que a gran innovación de Tecendo Soños consiste en que "as composicións son moi pequenas, de catro versos como moito. Por iso incluín colaboradores poetas que os alongarán".

Neste sentido, Mara explicou que a idea do plan xurdiu porque "tiven a sorte de entrevistar a señoras en Portugal sobre o canto da Verónica. Elas choraban cando dicían que non había ninguén que quixera aprendelo". Iso, xunto co nacemento da súa filla, "que fixo que me dera conta de que non sabía cantarlle ningún canto de arrolar en galego", comentou.

A colaboración das localidades participantes concretarase a través da compra de CD, concertos, obradoiros e contacontos. O 10 % do recadado coa venda de discos será doado á Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva. Así mesmo, conta coa colaboración de Barbantia.

A profesional estivo arroupada na presentación por alcaldes, concelleiros e técnicos dos municipios citados, que coincidiron en aplaudir a acción. Así, o rexedor de Noia, Santiago Freire, salientou que "todo traballo de recollida e que evite que se perdan estes cantos e, en xeral, as nosas tradicións culturais teñen que ser benvidos".