El Correo Gallego

Noticia 33 de 48 noticia anterior de Noia Área de Compostela » Noia

Noia avanza na legalización da captación de auga no río Vilacoba e en saneamento

Freire reuníuse con Gutiérrez para tratar a contratación da redacción do plan director e a mellora da depuradora

Fernández, (1º esq.), Freire (2º) e Gutiérrez (3ª) durante a reunión na que trataron varios proxectos. - FOTO: C. de Noia
Fernández, (1º esq.), Freire (2º) e Gutiérrez (3ª) durante a reunión na que trataron varios proxectos. - FOTO: C. de Noia

ESPERANZA POUSO NOIA   | 05.03.2019 
A- A+

O alcalde de Noia, Santiago Freire, e o concelleiro de Obras, Martín Fernández, mantiveron a semana pasada unha reunión coa directora xeral de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e técnicos da Consellería de Medio Ambiente para avanzar en tres puntos: a legalización da captación de auga do río Vilacoba na Albariza; a licitación do proxecto de mellora da ETAP de Noia; e a contratación da redacción do plan director de saneamento.

O rexedor municipal destacou que siguen traballando " na legalización da captación de auga na Albariza, feita hai trinta anos e que supón o último escollo para poder ter o informe favorable que nos permita aprobar o Plan Xeral, e definimos o proxecto da estación depuradora".

Neste sentido, o alcalde explicou que "fíxose un estudo para mellorar a potabilizadora e nel presentáronse varias alternativas, das que neste encontro precisamos a máis viable. Así, nas vindeiras semanas poderase rematar e sacar os traballos a licitación".

Trátase dun convenio asinado no 2016. "É certo que pasou moito tempo pero xa está a piques de materializarse", señalou. O Concello xa realizou en xaneiro varios cambios na instalación para perfeccionar o servizo e rematar cos problemas de turbidez que se producen nalgunhas épocas do ano.

PLAN DIRECTOR. Finalmente, no encontro deuse conta da adxudicación da redacción do plan de saneamento de Noia, actualmente en fase de licitación por Augas de Galicia por un importe de 201.750,90€. Xa teñen as propostas das empresas interesadas na mesa de contratación, polo que se agarda que se produza en próximas datas.

"Con este plan director poderemos identificar e corrixir todos os problemas que presenta a rede de saneamento e abastecemento, ademais de evitar vertidos", afirmou. "Unha vez finalizado ese estudo, definiremos as actuacións prioritarias porque a estimación para arranxar toda a rede e a nova depuradora ímonos a dez millóns de euros. É algo que o Concello non pode acometer so polo que necesitaremos da colaboración doutras institucións", destacou Freire.