El Correo Gallego

Noticia 3 de 118 noticia anterior de Noia Área de Compostela » Noia

Noia súmase á Rede Galega de Praias sen Fume con dous areais

Xa colocaron sinalización nas de Boa Grande e Pequena // Incluirán puntos de información

O Concello de Noia instalou a correspondente sinalización nas praias de Boa - FOTO: C. de Noia
O Concello de Noia instalou a correspondente sinalización nas praias de Boa - FOTO: C. de Noia

MARÍA CANO NOIA   | 04.06.2019 
A- A+

O Concello de Noia xa forma parte da Rede Galega de Praias sen Fume, unha iniciativa da Consellería de Sanidade nacida no ano 2016 e da que forman parte 79 areais de 45 municipios. Así, procedeu á instalación da correspondente sinalización e materiais de difusión facilitados pola Dirección Xeral de Saúde Pública nas dúas que se incluíron nesta iniciativa: as de Boa Grande e Boa Pequena.

A concelleira de Medio Ambiente, Ángela Neri, explicou que "o que buscamos é que os nosos mozos e mozas saiban que o normal é non fumar, para que adopten unha actitude negativa cara o tabaco e así evitar que moitos deles comecen ese mal hábito, xa que a imitación dos adultos é un dos principais factores de inicio nesta adicción".

Para iso, a administración local levará a cabo durante as próximas semanas unha campaña promocional encamiñada a lograr unha sociedade libre de fume, instalando dous postos informativos en ditos entornos naturais e outro diante da casa consistorial, nos que se impartirá información sobre os beneficios de evitar o tabaquismo e so-bre como axudar a deixalo.

Neste sentido, a edil fixo un chamamento á responsabilidade e á participación activa dos veciños, xa que non se trata dunha campaña sancionadora e con afán recadatorio. De feito, nos lugares que están unidos á mencionada rede non hai vixilancia nin sancións.

O mencionado departamento autonómico realizou unha enquisa o verán pasado entre os usuarios destas zonas co fin de avaliar a percepción e a resposta á iniciativa. O 71,6 % das persoas consultadas valoraron esta medida como boa ou moi boa (7,4 puntos máis que no ano 2017).