El Correo Gallego

Noticia 81 de 126 noticia anterior de Noia Área de Compostela » Noia

Noia vai liquidar as facturas do exercicio pasado cun crédito

Na sesión plenaria aprobou outro, cos votos a favor do PP e NOIA, para acometer vinte e unha actuacións nas diferentes parroquias

Imaxe do pleno celebrado o pasado martes - FOTO: ECG
Imaxe do pleno celebrado o pasado martes - FOTO: ECG

MARÍA CANO   | 28.03.2019 
A- A+

O pleno municipal de Noia celebrado recentemente tivo dúas partes ben diferenciadas. As primeiras horas empregáronse na aprobación de dous créditos extraordinarios con cargo ao Remanente de Tesourería, un de 104.163 euros para o pago de facturas e outro de 508.137 euros para a realización de 21 traballos. E neste último os grupos municipais comezaron debatindo e remataron facendo un repaso de todas as actuacións da lexislatura.

Pola contra, os puntos seguintes, sobre tres proxectos reformados de obras por 420.551 euros, foron aprobados por unanimidade e sen intervencións.

Así, a sesión plenaria aprobou -co respaldo do PP e do NOIA e as abstencións do PSOE, Marea Cidadá e BNG- un crédito extraordinario para pagos pendentes do exercicio 2018.

O alcalde noiés, Santiago Freire, explicou que "cando asumimos o goberno estes ascendían a 2,8 millóns de euros. Aquí estamos falando de 104.000 euros que, unha vez aboados, significará que todos os provedores terán satisfeitas as facturas que presentaron antes de 31 de decembro".

Os tres grupos da oposición coincidiron en xustificar a súa abstención en que entendían que esas actuacións tiñan que estar incluídas no orzamento municipal e que non tiñan a consideración de imprevistas ou urxentes.

 


CRÉDITO. O pleno aprobou tamén un crédito extraordinario de 508.137 euros para acometer actuacións nas distintas parroquias en materia de saneamento, abastecemento, acondicionamento de rúas e estradas e mellora de parques infantís. Unha proposta que saíu adiante cos votos a favor de PP e NOIA; a abstención do BNG e os votos en contra do Partido Socialista e tamén da Marea Cidadá.

Precisamente, o voceiro deste último, Manuel Seijas, dixo que "500.000 euros en obras a dous meses das municipais soa un pouco raro" mentres que en nome do PSOE, José Manuel Lage, explicaba que votarían en contra "dunha actuación electoralista", indicaba diante da Corporación local.