El Correo Gallego

Noticia 9 de 141 noticia anterior de Noia Área de Compostela » Noia

Noia vaise encher o día 29 de coches e motos antigas

Concello e patronal organizan a concentración, unha mostra e unha visita guiada // Para asistir é preciso inscribirse antes

Balderrábano, esq., López, Somoza, Freire e Pérez onte na presentación do evento - FOTO: C. de N.
Balderrábano, esq., López, Somoza, Freire e Pérez onte na presentación do evento - FOTO: C. de N.

ESPERANZA POUSO NOIA   | 15.06.2019 
A- A+

O Concello e a asociación Noia Histórica queren encher a vila de coches e motos antigas o próximo 29 de xuño, vehículos de 30 ou máis anos de antigüidade que poderán ser visitados. A participación é de balde, pero por razóns de organización será preciso inscribirse antes do 21 de xuño no teléfono 981 824 764 (en horario de 10.00 a 14.00 horas) ou no mail administración@noiahistorica.

O evento foi presentado onte polo alcalde en funcións de Noia, Santiago Freire, e o presidente da entidade, Francisco Pérez, quen estiveron acompañados pola concelleira de Comercio en funcións, Mariola López; a secretaria de Noia Histórica, Yanira Somoza; e o vicepresidente da asociación, Alfonso Balderrábano. A presentación foi empregada por Francisco Pérez para despedirse oficialmente despois de oito anos á fronte do colectivo, xa que decidiu non presentarse ás eleccións do vindeiro martes.

Pola súa banda, o mandatario local afirmou que "é unha boa ocasión para que a xente saque á rúa os vehículos clásicos, que outros os veñan contemplar e así dinamizar o comercio local". Tamén destacou que se trata "dunha actividade diferente que de seguro atraerá a moitos visitantes que farán gasto no noso comercio e que aproveitarán para coñecer a riqueza do noso municipio".

Ás 11.00 horas dará comezo a cita cunha exposición e ás 12.00 farán unha visita guiada polos lugares máis emblemáticos da vila.