El Correo Gallego

Noticia 15 de 196 noticia anterior de Noia Área de Compostela » Noia

Nova campaña contra a velutina en Noia, con charla e reparto de trampas

Será o venres trece no salón de plenos e tamén se entregará o líquido atraente

S. S.   | 06.03.2020 
A- A+

O Concello de Noia vai poñer en marcha unha nova campaña municipal, a terceira consecutiva, para loitar contra a avespa velutina. Con tal motivo, convocou unha reunión aberta coa veciñanza que vai ter lugar o próximo venres día 13 de marzo, ás oito e media da tarde, no salón de plenos municipal.

"Neste encontro informaremos sobre como loitar contra esta especie invasora e repartiremos novas trampas e atraíntes para as máis de trescentas trampas que xa levamos repartido neses dous últimos anos", explicou Martín Fernández Godón, concelleiro noiés de Medio Ambiente.

A mencionada charla será impartida polo xefe do servizo de Protección Civil de Noia, Eduardo Moledo, quen explicará ós asistentes os costumes desta especie invasora e como actuar no caso de picada.

Asimesmo, fará balance da campaña do pasado ano, na que se repartiron 60 novas trampas, que se sumaron ás 250 repartidas en 2018. Trátase duns dispositivos do modelo Vespa Catch, moi doadas de colocar e reutilizables, cun líquido atraente que será repartido durante a reunión.

Numerosos veciños teñen demandado xa este tipo de aparellos ó Concello nas últimas semanas.

A decisión de iniciar a campaña nestas datas xustifícase en que na primavera é cando as novas raíñas de velutina comezan a conformar os seus niños primarios, polo que é un dos períodos de maior traballo para o control da especie (xunto co final do verán e o comezo do outono, cando os niños que non foran observados acadan xa tamaños considerables).

 

PREXUÍZOS

••• "A avespa asiática é unha especie invasora devoradora de insectos polinizadores, como as abellas, e que causa importantes prexuízos económicos, fundamentalmente nos sectores apícola e frutícola", sinala o concelleiro de Medio Ambiente noiés.

 

••• "A colaboración veciñal é fundamental para loitar contra esta especie. Cada raíña que collamos agora será un niño menos", apunta o edil Martín Fernández, quen anima a todos os veciños e veciñas a acudir á charla do vindeiro venres día trece para sumar esforzos nesta loita común.