El Correo Gallego

Noticia 45 de 126 noticia anterior de Noia Área de Compostela » Noia

Patrimonio deu luz verde ao proxecto de conservación do viaduto de Ponte Nafonso

Plan de melloras para o estuario do río Coroño, cruceiro do Cristo do Pichón, Torres do Allo e xardín botánico de Padrón

Imaxen do viaduto de Ponte Nafonso, do século XIV, que será posto en valor - FOTO: ecg
Imaxen do viaduto de Ponte Nafonso, do século XIV, que será posto en valor - FOTO: ecg

MARÍA CANO NOIA   | 28.04.2019 
A- A+

O Consello Territorial de Patrimonio de Galicia deu o visto bo a varias actuacións na provincia, entre os que destaca o proxecto de conservación de Ponte Nafonso, un viaduto do século XIV que une os concellos de Noia e Serra de Outes.

Así, na comarca do Barbanza, o organismo aprobou o plan presentado pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade de posta en valor da citada estructura para levar a cabo as obras de mellora da mesma con algúns axustes. Ademais, para Boiro deuse o visto bo á mellora medioambiental no estuario do río Coroño, tramo do Coido ao Pazo de Goiáns, pendente da aportación de máis documentación. E na Pobra do Caramiñal valorouse positivamente a reparación do cruceiro do Cristo do Pichón.

Polo que respecta a Ponte Nafonso, nos últimos tempos tanto veciños do lugar como distintas formacións políticas, entre elas o BNG de Noia, denunciaron o estado de conservación e o paso de transportes pesados, concretamente a circulación de camións, que atravesan as marxes do río Tambre por esta pasarela.

De feito, os nacionalistas levaron ante o pleno, no 2017, a denuncia tramitada pola veciñanza deste núcleo. Unha moción na que expoñían que dita construción "está incluída no Catálogo da Dirección Xeral de Patrimonio contando co máximo grao de protección posible, é dicir, o integral (nivel 1)", e partindo desta consideración razoábase sobre a necesidade da adopción de medidas. Agora con este proxecto frenarase o deterioro dunha das xoias patrimonias da zona.

Ademais do plan antedito, valorouse positivamente en Zas a rehabilitación e acondicionamento das Torres do Allo e en Padrón as obras de reforma para a adaptación e mellora do edificio multiusos no Xardín Botánico.