El Correo Gallego

Noticia 12 de 196 noticia anterior de Noia Área de Compostela » Noia

Poñen contedores de residuos orgánicos no mercado de Noia

Cada comerciante recibiu un dos 25 recipientes marróns // No marco do mesmo programa, 50 familias recibiron composteiros

Comerciantes da praza de abastos de Noia durante a recepción dos 25 contedores para residuos orgánicos - FOTO: C.N.
Comerciantes da praza de abastos de Noia durante a recepción dos 25 contedores para residuos orgánicos - FOTO: C.N.

SUSO SOUTO   | 02.03.2020 
A- A+

O concelleiro de Medio Ambiente do Concello de Noia, Martín Fernández Godón, e a concelleira de Comercio, Mariola López, veñen de entregar un total de 25 contedores marróns para promover a reciclaxe de residuos orgánicos na praza de abastos da localidade.

Trátase dnha iniciativa que conta coa colaboración da Mancomunidade Serra do Barbanza, Eulen e a asociación Usuarios da Praza de Abastos de Noia (Uspan). Estes caldeiros marróns recollerán todo tipo de restos orgánicos que se produzan no mercado municipal noiés: froita e verdura, carne e peixe, pan, galletas, cereais, cascas de ovo, marisco ou froitos secos, restos de plantas, pousos do café, tapóns de cortiza, restos de infusións (sen grapas) e papel de cociña sen tinturas.

Así llo explicaron técnicos do colectivo Eulen ás persoas propietarias dos distintos postos do complexo municipal, que levaron cadanseu contedor para utilizar nos seus respectivos negocios.

"O obxectivo final desta iniciativa consiste en promover a reciclaxe, sobre todo nun lugar como a praza de abastos da localidade, onde todos os días se produce unha gran cantidade de lixo orgánico e, dacordo coa USPAN, decidimos achegar aquí os primeiros caldeiros específicos que se reparten en Noia", explica Martín Fernández Godón.

Cabe sinalar que esta iniciativa está incluída nun programa máis amplo promovido pola Mancomunidade de Concellos da Serra do Barbanza, que é a entidade beneficiaria de dúas subvencións PIMA-Residuos 2017 concedidas polo Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente.

 


COMPOSTAXE DOMÉSTICA. Ademais, trátase dun interesante programa que o pasado mes de decembro xa permitiu a realización dunha charla sobre compostaxe doméstica na vila noiesa, durante a cal a administración local fixo entrega de preto de medio cento de composteiros a outras tantas familias do municipio, ás que a empresa encargada da campaña lles está facendo un seguimento para comprobar que o composteiro está sendo ben empregado.

 


RECOLLIDA SELECTIVA. Dende o executivo local, que preside Santiago Freire, destacan a importancia de seguir avanzando con este tipo de iniciativas para facer cada vez máis efectiva unha correcta recollida selectiva dos residuos, así como na concienciación de cara á reciclaxe.