El Correo Gallego

Noticia 27 de 102 noticia anterior de Noia Área de Compostela » Noia

Premian a remodelación do Malecón de Gasset de Noia

Na gala do Colexio de Arquitectos de Galicia otorgouse o galardón na categoría de Deseño urbano ó proxecto As Portas do Mar // Os seus autores, Álvaro Marín e Alfonso Castro, reformarán tamén a praza de abastos da vila

Vista parcial do remodelado Malecón de Gasset, proxecto de Dosesmas Arquitectos, co que gañaron un dos premios - FOTO: COAG
Vista parcial do remodelado Malecón de Gasset, proxecto de Dosesmas Arquitectos, co que gañaron un dos premios - FOTO: COAG

J. S. RODRÍGUEZ  | 30.03.2019 
A- A+

O Colexio de Arquitectos de Galicia celebrou onte no Teatro Jofre de Ferrol a gala dos XVIII Premios COAG, na que se concederon as distincións ás mellores obras arquitectónicas e urbanísticas da comunidade e na que, entre as 155 candidaturas, foi galardoado, na categoría de Deseño urbano, planeamento e paisaxe, o proxecto As Portas do Mar, da remodelación do Malecón de Gasset, de Noia, de Dosesmas Arquitectos (Álvaro Marín Durán e Alfonso Castro Lorenzo, a quenes o Concello lles encargou tamén a reforma da praza de abastos).

Esta actuación está aínda sen rematar. Iniciouse en 2015 e, cando esté lista nos vindeiros meses, teranse investido nela 660.000 €. O xurado destacou que "define unha nova relación entre a vila e o seu bordo á ría, nunha contorna especialmente difícil e degradada. A intervención, moi concisa en elementos de mobiliario, apóiase no deseño dunha peza de granito que se converte simultaneamente en límite, carreiro, banco e memoria do lugar". Segundo os seus autores, pretende "recuperar un importantísimo lugar de relación entre a localidade co mar, transformando a zona nun equipamento cultural aberto onde poder interpretar o patrimonio histórico da muralla, as súas portas e a vinculación ca ría". Para elo, concibiron un área didáctica onde o propio pavimento mostra as persoas, elementos e feitos máis relevantes da localidade, mediante o gravado de símbolos relacionados co mundo mariñeiro, o nome de cada unha das portas da muralla ou personaxes ilustres, embarcacións famosas ou datas importantes. Un gran banco de granito gris serpentea o espazo coma se dunha nova muralla se tratase, servindo de límite entre a transitada estrada comarcal e a superficie peonil, ampliándose en forma de carreiro elevado e descendendo para volver a atoparse co chan.

Unha trama en forma de espiña de peixe establece unha segunda orde, cosendo o ámbito e expandindo os seus límites. Doutra banda, unha serie de báculos a modo de mástiles serven para iluminar a actuación e poñer en valor a súa fachada marítima. O alcalde noiés, Santiago Freire, amosou a súa satisfación e dixo que a proposta "contribúe a poñer en valor o casco histórico". O acto, presentado polo humorista Rober Bodegas, reuniu a máis de 400 convidados. Entre as autoridades presentes atopábanse a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez; a directora Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas; o director do Instituto de Estudos do Territorio, Guillermo Evia; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González; e o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez.

O decano do citado órgano colexiado, Antonio Maroño, puxo o foco na necesidade que ten a profesión de seguir loitando para salvar as dificultades na participación dos concursos públicos en relación aos cambios na Lei de Contratos do Sector Público, axilizar a tramitación de expedientes, unha maior participación nas decisións sobre o tratamento do patrimonio e a reivindicación dunha retribución "xusta" ao traballo dos profesionais do sector.

Asimesmo, manifestou que "a sociedade ten unha débeda pendente co coñecemento e difusión da obra dos galegos Alejandro de la Sota, Alfredo Alcalá, Pedro de Llano e Manuel Gallego Jorreto, que a finais dos 50 foron capaces de poñer ao día a arquitectura realizada en Galicia en épocas de grandes dificultades pero de enorme experimentación".

Polo que respecta ás restantes modalidades, na de Vivenda recoñeceuse o deseño da cooperativa 13 Rosas Residencial, en Santiago de Compostela, de Manuel Carbajo Capeáns e Celso Barrios Ceide (de Carbajo y Barrios Arquitectos Asociados); na de Rehabilitación, a do templo do lugar O Igrexario, en Moaña, de Antonio Pernas Varela; na de Equipamentos, a escola infantil de A Veigadaña, en Mos, de Estefanía Grandal Leirós, Juan Ignacio Prieto López e Faustino Patiño Cambeiro; na de Obras de reforma e interiorismo, elexiuse a Lectocosmos (remodelación dun local para libraría), na Praza Anxo Fernández Gómez, en Lugo, de Fernando Martínez López, Miguel Carballido Pensado, Inés Gardia Dinten e Susana Vázquez Rodríguez, e, na de Arquitecturas efémeras e baixo custo, a vivenda modular Automonta, en Cenlle, de Manuel Jorreto Díaz. Polo que respecta á mellor labor de divulgación, investigación e deseño, a iniciativa gañadora foi a da exposición, as xornadas e a publicación Éxodo, de Patricia Muñíz Núñez (directora, comisaria e autora da parte de documentación), mentres que o mellor proxecto de fin de carreira foi o titulado Un buen suceso, de Manuel Bouzas Barcala (Madrid). A estatuílla especial á traxectoria profesional foi para Alfredo Alcalá Navarro, orixinario de Ciudad Real, pero residente desde os 14 anos no municipio ferrolán.