El Correo Gallego

Noticia 83 de 126 noticia anterior de Noia Área de Compostela » Noia

Reordenación do tráfico para a reforma da travesía de Noia

Vázquez e Freire reuníronse onte para abordar as medidas coas que minimizar molestias // Iniciaron as obras en Boa

Santiago Freire, 2.º esquerda, e Ethel Vázquez, 3.ª, durante a reunión que mantiveron onte en Noia  - FOTO: ECG
Santiago Freire, 2.º esquerda, e Ethel Vázquez, 3.ª, durante a reunión que mantiveron onte en Noia - FOTO: ECG

ESPERANZA POUSO   | 26.03.2019 
A- A+

A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde de Noia, Santiago Freire, mantiveron onte unha reunión para abordar a reordenación do tráfico no municipio, co obxectivo de minimizar as molestias da execución das obras de reforma integral da travesía desta vila e as iniciadas na parroquia de Boa, que dispoñen dun orzamento total de 310.000 euros. Tamén participaron na mesma as concelleiras de Protección Civil, Ángela Neri, e Comercio, Mariola López.

Na xuntanza tratáronse as medidas de coordinación coa finalidade de garantir á cidadanía, no posible, a fluidez do tráfico, establecéndose os desvíos máis axeitados e a sinalización necesaria no viario. Unha das obras que o departamento de Infraestruturas da Xunta está a acometer é a mellora da travesía de Noia, na estrada AC-311, en pleno centro urbano. Esta intervención está deseñada para asegurar un tránsito peonil máis cómodo, gañando espazo para as persoas, e dispón dun orzamento de preto de 270.000 euros.

Os traballos levaranse a cabo nun treito de preto de 300 metros, no contorno da igrexa de San Bernardo. "É un dos principais accesos á vila, onde se remodelou a capela, e agora vaise humanizar toda a zona, de xeito que os peóns van ter un trato preferencial sobre os vehículos, mellorando a seguridade viaria do lugar", asegurou o rexedor.

O proxecto inclúe a renovación das beirarrúas, complementándose onde non as hai, así como a reordenación dos aparcadoiros e a dotación da área con mobiliario urbano e pequenas franxas axardinadas. De cara a reforzar a seguridade dos viandantes executaranse tres pasos sobreelevados. Nesta liña de mellora da seguridade viaria onte mesmo comezaron outras obras na AC-550, concretamente no núcleo de Boa. Trátase da execución dun pequeno tramo de senda, duns 200 metros, pola marxe esquerda da vía, que inclúe a canalización correspondente para a recollida de pluviais por debaixo da mesma. Contan cun orzamento de 40.000 euros. Santiago Freire salientou que "son uns traballos moi demandados pola veciñanza xa que se trata dun punto con escasa visibilidade e nunha estrada comarcal". Tamén agradeceu "a disposición e colaboración da conselleira".