El Correo Gallego

Noticia 44 de 98 noticia anterior de Noia Área de Compostela » Noia

Rosa Quintana destaca os bos resultados da campaña marisqueira en Noia e o labor do pósito para poñer en valor o berberecho

Na súa visita onte á lonxa de Testal avanzou que no verán comezarán as reformas na rula noiesa

Cruz (1.º esq.), Quintana, Rodríguez e Freire onte en Testal - FOTO: Xunta
Cruz (1.º esq.), Quintana, Rodríguez e Freire onte en Testal - FOTO: Xunta

E. P. NOIA  | 17.04.2019 
A- A+

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo de relevo onte en Noia a importancia da campaña marisqueira que rematou o pasado 29 de marzo cun valor económico de máis de 17 millóns de euros pola descarga de preto de 2.300 toneladas de marisco, o que a converte, especificou, na segunda mellor campaña dos últimos dez anos.

Así o destacou durante a visita que realizou á lonxa de Testal, na que estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez; o alcalde noiés, Santiago Freire; e o patrón maior, Santiago Cruz. Alí tamén salientou o protagonismo do berberecho, que supón máis do 70% das capturas, con máis de 1.600 toneladas descargadas, e máis do 60% do valor económico, con preto de 11 millóns de euros.

Neste sentido, a titular de Mar destacou que "é unha cofradía que está a apostar pola calidade do producto", a través do Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro Costa Sostible, "para diferenciar o berberecho da ría de Noia cun selo de calidade", puntualizou.

Ademais, Rosa Quintana fixo fincapé na importancia social do marisqueo na comarca, "na que traballan 1.600 persoas e polo tanto necesitan un espacio grande para poder desenvolver a actividade de comercialización", afirmou.

Deste xeito avanzou que queren "conseguir que a lonxa de Testal sexa unha referencia na zona". Para elo comezarán a reforma da rula proximamente, "estamos buscando como abordala sin interferir na actividade dos extractores", dixo.

Este foi un dos temas a tratar durante o encontro. A conselleira comentou que están mirando de realizar as obras "si é posible en dúas fases, de tal maneira que en setembro poidan ter normalidade cando arranque o vindeiro exercicio". Tratarán de aproveitar o verán para arranxar o teito e o exterior do edificio. A actuación completa contará cun presuposto de 493.000 euros.