El Correo Gallego

Noticia 37 de 127 noticia anterior de Noia Área de Compostela » Noia

PROTAGONISTAS MUNICIPAIS

Santiago Freire Abeijón: "Noia ten prosperidade e unha línea de traballo marcada se gañamos as eleccións municipais"

Alcalde noiés

Santiago Freire Abeijón, candidato polo PP de Noia á alcaldía
Santiago Freire Abeijón, candidato polo PP de Noia á alcaldía

MARÍA CANO NOIA   | 09.05.2019 
A- A+

Rexedor do goberno local de Noia dende febreiro do 2016, cando accedeu ao posto tras arrebatar o mandato ao PSOE a través dunha moción de censura. Asegura que levou a cabo todos os proxectos que incluíu no seu programa, aínda que ao estar un ano menos ao fronte do Concello, algúns atópanse en fase de execución. Afronta as vindeiras eleccións municipais coa confianza de que os veciños valoren o traballo feito. Puxo en marcha distintas iniciativas para impulsar o comercio e o marisqueo, os pilares fundamentais da economía noiesa. Se ten a oportunidade de gobernar catro anos máis, realizará unha transformación importante na vila.

Como se presentan ás vindeiras eleccións municipais?

Coa confianza de que os veciños poidan valorar o traballo r­ealizado nestes tres últimos anos. Aínda así, leváronse a cabo unha serie de investimentos que eran moi importantes e así debería velo a opinión pública. Afrontoas co respaldo do traballo feito, e solicito os apoios para ter por diante catro anos máis. Temos unha rodaxe e un coñecemento da situación real do Concello, melloráronse moitos aspectos pero hai necesidade dunha estabilidade e continuidade. O meu equipo estaría a disposición ao día seguinte dos comicios para seguir traballando sen ter que familiarizarse cos asuntos.

Vostede colleu o mando do Concello noiés en febreiro do 2016, tras unha moción de censura. Iso xogou na súa contra?

Evidentemente, é casi un 25% menos de tempo. Hai determinados proxectos que requiren de autorizacións e informes sectoriais, como por exemplo a construción da estrutura voada sobre o malecón de Gasset, que está aprobada. O mesmo sucede cos traballos da entrada da estrada comarcal de Noia a Santiago na zona de San Bernardo ou o Museo do Mar, que avanza a bo ritmo pero que tuvo unha tramitación longa e todavía non está inaugurado. Realmente ao ser un período máis curto non hai marxe para poder levar a cabo todos os plans e telos rematados dentro do mismo mandato. Ademais, acceder ao goberno a través dunha moción de censura non é o máis desexable de cara a poder facer unha xestión tranquila e planificada.

De todo o que prometeu que levaría a cabo, que é o que máis satisfacción lle provoca?

Cuestións que eran demandas históricas, como por exemplo o retranqueo do muro do Marqués, un problema de accesibilidade que xa está solventado nunha zona contigua ao casco histórico. Ao igual que a construción do polideportivo de Bergondo, pois tanto a comunidade educativa como os clubs deportivos demandaban unha instalación adicional. No municipio construíronse en 40 anos dous pabillóns e demandaban un terceiro. E cabe destacar que todos estes investimentos se foron conquerindo con financiación por parte doutras administracións, o que demostra unha xestión, consecución de subvencións y de axudas. Iso fai que a aportación municipal diminuíse significativamente.

Do que non cumpriu, que é o que lle causa máis dor?

Todos os puntos que propoñíamos no programa están en tramitación. E non hai ningún que se deixase ou prescindise del. Incluso a fachada marítima ten xa a aprobación definitiva, aínda que foi un trámite prolongado, por parte do Ministerio de Medio Ambiente e de Costas do Estado. Son actuacións que aínda que non están executadas dentro deste mandato, si que van ser unha realidade ao longo do próximo. Entón creo que podemos dicir que todas as actuacións que incluíamos, ou se desenvolveron ou se están levando a cabo, ou cando menos están a piques de iniciarse.

Os piares da economía do seu municipio son o marisqueo e o comercio. Teñen iniciativas para impulsalos e levalos a bo porto?

Sí, claro. Ao longo destes anos xa se desenvolveron unha serie de eventos que permitiron promocionar o berberecho. Por u­nha banda, dende o Concello en colaboración coa Cofradía fixéronse unha serie de accións de promoción para dar a coñecer e valorizar o noso produto estrela. E establecéronse actividades orientadas a exaltación do mismo que cremos que teñen unha repercusión positiva. No relativo ao comercio, iniciáronse unha serie de campañas orientadas a xerar maior afluencia de clientes e usuarios aos establecementos da vila e tamén se intensificou a colaboración coa entidade Noia Histórica, que ten incidencia no desenvolvemento do sector.

E para fomentar o turismo?

Temos a posta en funcionamento do edificio do Casino, e a planta baixa do mesmo vai estar adicada a centro de recepción de visitantes para os cinco Concellos do xeodestino da Ría de Muros-Noia. Vai ser un punto de información turístico con carácter estable e permanente, non só estacional como viña sendo ata o de agora. E estamos pelexando e traballando para o recoñecemento do itinerario cultural do Portus Apostoli de Noia.

Como pensa que se presenta o futuro de Noia?

Cremos que podemos ser optimistas, porque cando chegamos aquí atopámonos cunha serie de problemas que había que solventar. Moitos deles estanse correxindo e outros veranse correxidos coas actuacións que están planificadas. Creo que si temos oportunidade de continuar o longo de catro anos, imos facer unha transformación importante, que se iniciou neste mandato, pero que dende logo en tres anos é imposible afrontar todos os aspectos que había que mellorar. Executáronse algúns, pero necesitamos un tempo maior para completar eses proxectos. En todos os ámbitos hai traballo feito, e con nós Noia terá unha prosperidade, unha línea de traballo marcada que permita que o seu casco histórico sexa cada vez máis atractivo e se aposte por sectores productivos, como pode ser o do marisqueo.

DATOS PERSONAIS. Santiago Freire Abeijón naceu o 24 de abril de 1967 en Noia. Está casado e ten dous fillos.

TÍTULOS ACADÉMICOS. Licenciado en Veterinaria pola Universidad de León, exerceu esta profesión durante máis dunha década, ata o ano 2003. Tamén desenvolveu actividade coma inspector de saúde pública.

CARREIRA POLÍTICA. Foi alcalde de Lousame durante case dez anos. No 2012 dixo adeus, temporalmente, á política municipal e foise ao Parlamento de Galicia, onde estivo ata o 2016. Ese mesmo ano convertiríase no rexedor do Concello de Noia tras prosperar unha moción de censura que o Partido Popular noiés presentou xunto cos dous concelleiros de Noieses Independientes Agrupados, cos que goberna actualmente, arrebatando a alcaldía ao PSOE.