El Correo Gallego

Noticia 56 de 141 noticia anterior de Noia Área de Compostela » Noia

Xerardo Agrafoxo presentou en Noia un libro sobre a historia do municipio

Finalizou o acto cun espectáculo de danza e coa entrega da obra aos asistentes

Xerardo Agrafoxo durante a presentación - FOTO: C. de Noia
Xerardo Agrafoxo durante a presentación - FOTO: C. de Noia

E. P. NOIA  | 07.05.2019 
A- A+

O Coliseo Noela de Noia acolleu o pasado domingo a presentación do libro Historia de Noia de Xerardo Agrafoxo, quen estivo acompañado polo alcalde noiés, Santiago Freire, e o edil de Cultura, José Pérez. Esta creación literaria narra a vida do municipio desde a prehistoria ata a época actual.

Polas súas 476 páxinas, adornadas con 56 ilustracións e 116 fotografías, aparecen reflectidos os acontecementos máis salientables do seu pasado histórico e a vida dos persoeiros que deixaron no municipio unha profunda lembranza.

O retrato que o historiador fai da vila, a través dos seus escudos heráldicos, pazos nobiliarios e igrexas medievais, amosa unha pegada urbana vincualada coa súa fundación histórica a través da Carta Pobra concedida polo rei Fernando II no ano 1168.

O acto finalizou coa actuación da escola de danza Oitos, que interpretou O periplo de Arnolfo, un espectáculo no que a danza interactúa con proxeccións multimedia percorrendo a historia de Noia.

Ao remate da actuación, Santiago Freire e José Pérez fixeron entrega dun exemplar do libro e unha flor a cada unha das bailarinas e a súa directora, Verónica Xogaina. Tamén repartiron exemplares entre os asistentes.