El Correo Gallego

Noticia 6 de 7 noticia anterior de O Pino Área de Compostela » O Pino

Frades humanizará o entorno do centro de saúde da Abellá

O Pino instalará contedores soterrados e en Touro tratarán de evitarse os asolagamentos

A conselleira Ángeles Vázquez e o alcalde de Frades, Roberto Rey - FOTO: Xunta
A conselleira Ángeles Vázquez e o alcalde de Frades, Roberto Rey - FOTO: Xunta

CLAUDINA ESTÉVEZ FRADES   | 05.03.2019 
A- A+

A Consellería de Medio Ambiente prevé licitar por 400.000 euros as obras de mellora e humanización nos concellos de Frades, O Pino e Touro. Así llo trasladou a conselleira Ángeles Vázquez aos rexedores municipais da cada un dos concellos cos que vén de asinar senllos convenios de colaboración, nos que a Xunta aporta un 70% en cada caso e a porcentaxe restante é asumida por cada administración local. O prazo de execución non superará os seis meses.

No caso de Frades humanizarase a contorna do centro de saúde de Abellá, onde se prevé a reformulación dos peches e muros actuais e ordenar a zona, tanto as partes axardinadas coma as pavimentadas. Tamén se van soterrar as liña aéreas e, por último, substituiranse as luminarias actuais por outras con tecnoloxía LED.

En O Pino instalaranse catro illas de contedores baixo terra, para facilitar a separación dos residuos aos veciños. Os traballos de implantación esixirán a demolición do pavimento pero, unha vez instalados, reporase, e tamén os servizos afectados durante a execución destos labores.

As obras que se farán en Touro pretenden evitar os asolagamentos que se producen actualmente debido aos problemas de canalización que se rexistran na localidade de Fonte Díaz. Asemade, tamén hai outra actuación prevista na rúa Ramón Cabanillas, e duplicarase a canalización do rego do Portopego para solventar o inconvinte das enchentes e mellorar as condicións de drenaxe.

Todas estas tarefas enmárcanse no Plan Hurbe, un programa posto en marcha pola Xunta no 2010 para apoiar ás entidades locais á hora de levar a cabo accións que contribúen a crear ou humanizar espazos de uso común.