El Correo Gallego

Noticia 6 de 7 noticia anterior de O Pino Área de Compostela » O Pino

Licítanse obras de mellora en O Pino e Touro por 275.000 €

Reuniuse a titular de Medio Ambiente cos rexedores para repasar os proxectos

A.P.   | 27.04.2019 
A- A+

Touro. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda está a ultimar a licitación das obras de mellora e humanización nos concellos do Pino e Touro, que en conxunto suman case 275.000 euros. A conselleira, Ángeles Vázquez, trasladou esta información aos rexedores municipais de cada concello, cos que esta mañá mantivo unha reunión de traballo, na que tiveron a oportunidade de repasar os proxectos comprometidos polo departamento que dirixe Vázquez Mejuto. Trátase dunha colaboración interadministrativa, na que a Xunta aporta un 70 % en cada caso e a porcentaxe restante é asumida por cada administración local; enmarcada dentro do Plan hUrbe. O convenio entre a Consellería de Medio Ambiente e o Concello do Pino ten por obxecto a instalación de catro illas de contedores soterrados, para facilitar a separación de residuos aos cidadáns.

A actuación que se levará a cabo no Concello de Touro pretende evitar os asolagamentos que se producen na actualidade debido aos problemas de canalización que se rexistran na localidade de Fonte Díaz. Asemade as obras obxecto deste convenio completarán outra actuación prevista na rúa Ramón Cabanillas e duplicarán a canalización do rego do Portopego, co fin de solucionar os problemas de enchentes.