El Correo Gallego

Noticia 6 de 10 noticia anterior de O Pino Área de Compostela » O Pino

Reiteran que a mina de Touro só é viable se respeta o medio

Dende o Partido Popular pídenlle á oposición que acate os procesos administrativos e confíe nos profesionais da Xunta

Vista dos terreos da mina de Touro-O Pino - FOTO: C.S.R.
Vista dos terreos da mina de Touro-O Pino - FOTO: C.S.R.

CLAUDINA ESTÉVEZ TOURO   | 11.04.2019 
A- A+

O proxecto que pretende reactivar a antiga mina de cobre de Touro-O Pino segue a ser motivo de discusión. Non só entre os mineiros, que defenden o seu traballo, e a asociación que se opón a súa posta en marcha; senón que tamén o é no Parlamento. Onte foi o deputado do Partido Popular, Moisés Blanco, o que fixo un alegato a favor dunha minería sustentable. "Tanto desde a Xunta como o PPdeG estamos a favor de que sexa moderna e respectuosa co medio ambiente", indicou. Ademais incidiron os populares en que o funcionamento da mina só será viable se coida o contorno e salvagarda "o estrito cumprimento da legalidade vixente e se dota de todas as garantías urbanísticas, medioambientais e técnicas".

Moisés Blanco aproveitou para criticar aos grupos da oposición por non respectar "as respostas que se dan dende a Xunta". "Iso paréceme moi grave porque vostedes dan por boas publicacións que lles interesan, desprezando o traballo e a capacidade dos técnicos públicos que emiten os informes desde diferentes departamentos do Goberno galego", apuntou. Por iso lles demandou que "respeten os procedementos administrativos, confíen na profesionalidade e imparcialidade dos traballadores públicos da Xunta para emitir os preceptivos informes, con total vixilancia e control medioambiental e imposición de sancións".

Apuntaron os populares que o plan "deberá cumprir estritamente a lexislación" e lembraron que "o propio conselleiro de Industria dixo neste Parlamento que tal e como foi presentado, non é viable", ao que se sumou a proposición non de lei do Grupo Popular, aprobada o pasado 28 de marzo de 2018 co voto en contra de En Marea e BNG.

Nela demandábase que o Goberno galego avaliara o proxecto de Touro-O Pino con total garantismo legal e rigor na execución do procedemento, vixiando calquera impacto medioambiental que se puidese producir como consecuencia do resultado da explotación a que será sometida.