El Correo Gallego

Noticia 16 de 45 noticia anterior de Ordes Área de Compostela » Ordes

Comercio con talento para o local ordense Pepa a Loba

Búscase impulsar o emprendemento nos estudantes de formación profesional // O negocio de deseño e artesanía Pepa a Loba foi o máis votado nas redes

Sol Vázquez, 1ª dereita, entregándolle o premio ao local Pepa a Loba - FOTO: Xunta de Galicia
Sol Vázquez, 1ª dereita, entregándolle o premio ao local Pepa a Loba - FOTO: Xunta de Galicia

C. ESTÉVEZ ORDES  | 24.07.2019 
A- A+

O establecemento ordense Pepa a Loba fíxose onte cun dos premios do certame Comercio con talento, que promove a Consellería de Economía, Emprego e Industria. A directora de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, foi a encargada de entregarlle ao local esta distinción, que pretende impulsar a innovación e o emprendemento no sector comercial entre os estudantes de formación profesional.

Con esta acción, na que participou o alumnado de ciclos formativos relacionados co comercio de toda Galicia, búscase impulsar a participación e o contacto dos mozos coa realidade do sector, complementando a súa formación; potenciar a innovación, o emprendemento e a incorporación do talento á actividade comercial de proximidade, así como ás pemes deste sector; e incrementar o coñecemento das novas tendencias do comercio, especialmente das novas tecnoloxías.

Para participar no concurso, o alumnado estudou o comercio da súa comarca para, finalmente, seleccionar un negocio dacordo a criterios como o espazo físico, a xestión, o produto ou a atención ao cliente. Posteriormente, os participantes elaboraron un proxecto sobre o comercio escollido.

Un xurado especializado escolleu os nove negocios con máis talento de entre os propostos e fixo unha preselección de cinco para que os votasen no Facebook da Rede de dinamización comercial (Redic), polo que un dos 10 premios decídese polo número de gústame recibidos. Os autores dos 10 proxectos gañadores reciben como premio un iPad wifi 32GB. Precisamente o establecemento de artesanía e deseño Pepa a Loba, elixido a proposta de Ana Varela Grovas, do IES Ramón Menéndez Pidal da Coruña, foi o comercio máis votado nas redes sociais. A alumna destaca que é "unha aposta forte polo coidado esmerado do detalle" e o seu "aire renovador e creativo".