El Correo Gallego

Noticia 22 de 45 noticia anterior de Ordes Área de Compostela » Ordes

Elevan ata os tres millóns a débeda viva de Ordes a finais do ano 2018

Dende o goberno local do PP lembran que a cifra pendente cos bancos descendeu ata 1.721.000 €

M. MANTEIGA ORDES  | 02.05.2019 
A- A+

O pleno ordense aprobou os compoñentes das 18 mesas para as eleccións municipais nunha sesión sen máis puntos ou mocións, pero que no apartado das preguntas abordou, por parte do BNG e da non adscrita Beatriz Martínez, o estado das contas locais. E segundo palabras do alcalde, o popular José Luis Martínez Sanjurjo, "a débeda viva ascendía a 31 de decembro de 2018 a pouco máis de 3.075.000 euros".

Do mesmo xeito, explicaba Martínez que "aínda que en termos de débeda pública municipal, a pendente coas entidades bancarias, esta descende ata 1.721.000 € a efectos do que marca a Lei, e situarase en torno a un millón de euros ao final de 2019". Isto débese a que segundo a Lei de Estabilidade Orzamentaria, e máis concretamente en base ao Protocolo sobre Procedemento do Déficit Excesivo, a definición de débeda pública non inclúe os préstamos concedidos polas deputacións provinciais aos concellos, tal e como se regula tamén na normativa europea.

Dentro dos préstamos provinciais dos anos 2016, 2017 e 2018 o concello salienta que se dedicaron a investimentos 554.192,41 euros (ampliación aparcamento tanatorio, bombeo saneamento Buscás e arranxo de vías en varias parroquias). O portavoz do BNG de Ordes, Pablo Vidal, acusou ao alcalde de "disfrazar a débeda real do Concello de Ordes, o cal demostra que o alcalde non debe estar moi satisfeito coa súa xestión sobre a mesma, cando non se atreve a amosala ás claras", e pediu un estudo da velocidade dos coches pola estrada que une a AC-524 e o Casal.