Miércoles 16.10.2019 Actualizado 18:50
Google    

El Correo Gallego

Noticia 1 de 47 noticia anterior de Ordes Área de Compostela » Ordes

Alcalde de Ordes

José Luis Martínez: “Un alcalde ten a obriga de estar ao carón e á disposición dos seus veciños”

José Luis Martínez Sanjurjo - FOTO: ecg
José Luis Martínez Sanjurjo - FOTO: ecg

CARMEN PRIETO SANTIAGO   | 15.08.2019 
A- A+

Acaba de tomar posesión da alcaldía, como encara os catro anos do seu mandato? 

Tendo en conta que Ordes levaba varias lexislaturas con gobernos en minoría, e eu mesmo fun alcalde nos últimos catro anos nunha situación de precariedade política, a maioría absoluta saída das urnas permitirá xestionar o Concello de Ordes coa seguridade de que poderemos aprobar os orzamentos en prazo e impulsar os proxectos que a nosa xente precisa e merece. Agradecemento polo respaldo recibido e plena disposición, coma sempre, para escoitar e atender a todo o mundo.

 

Naturalmente non poderá alegar "herdanza recibida" porque foi reelixido. Que debía facer e non puido?

Como dicía, a pasada lexislatura foi a da precariedade de apoios, mais tamén a de poñer orde nas contas municipais, xa que herdamos unha débeda millonaria e unha xestión absolutamente deslabazada. Gustaríame ter feito moito máis pero, aínda así, fomos capaces de executar o noso programa electoral en máis dun 68 %. Así o fixemos e así llelo explicamos con detalle a toda á veciñanza cando pedimos o seu apoio na recente campaña.

 

Cales son os tres proxectos estrela que abordará inmediatamente?

Sei ben que estas preguntas buscan titulares lucidos. Pero como alcalde, e na miña vida persoal, son máis partidario da xestión eficaz e eficiente que dos golpes de efecto. Con todo poño tres exemplos: posta en marcha do centro sociocomunitario que estamos executando, aprobación definitiva do PXOM e utilización prioritaria de aglomerado en quente nas obras de arranxo da rede viaria municipal.

 

É partidario de que desde os municipios se contribúa a frear unha das grandes preocupacións de Galicia que é o descenso de poboación? 

O devalo demográfico é, sen dúbida, un dos grandes desafíos da Galicia contemporánea. Un desafío acentuado en Galicia, pero que afecta a case toda España e mesmo a boa parte de Europa. Todos os esforzos son necesarios e ben recibidos para frear a perda de poboación. En Ordes estamos plenamente concienciados e, por iso, na medida nas nosas posibilidades, tratamos de apoiar ás familias con fillos, e tamén o asentamento e integración plena de poboación foránea, especialmente os descendentes dos nosos emigrantes.

 

O CIS desvela a decepción dos cidadáns pola clase política. É dos que entenden que unha boa xestión pode romper esa tendencia? 

Estou absolutamente persuadido delo. Unha xestión responsable é imprescindible, pero non abonda con iso. Cómpre un cambio de actitude por parte dos responsables públicos, se é que este non se produciu xa. Hai que ser proactivos cando xurde algunha dificultade, hai que estar sempre a disposición e á escoita da veciñanza. Hai que ser e actuar con honestidade; hai que ser transparentes e dicir a verdade, mesmo cando esta poda resultar incómoda. Esta é a folla de ruta que vimos aplicando en Ordes desde hai catro anos e que aplicaremos aínda con máis intensidade no mandato local que vén de comezar.

 

Unha enquisa sinala que os mozos vivirán peor que os seus pais... Aínda que non sexa unha competencia específica, as corporacións teñen algo que dicir e facer neste terreo?

É certo que hai unha certa sensación de desasosego respecto ao futuro, pero non debemos caer no pesimismo. Ese mesmo argumento xa o escoitei eu na miña infancia e, por fortuna, tal prognóstico non se cumpriu. É certo que a capacidade de manobra dos concellos é moi limitada neste ámbito, pero todos podemos achegar a noso grao de area: seguridade xurídica, previsibilidade, mellora das comunicacións e dos servizos susceptibles de traducirse nunha maior calidade de vida, preservación do medio natural, posta en valor dos recursos endóxenos... Todo suma.

 

Canto tempo dedica a mirar ós ollos aos cidadáns e a escoitar as súas queixas? 

Un alcalde ten a obriga de estar permanentemente ao carón e a disposición dos seus veciños; escoitalos e tratar de resolver os seus problemas. Non sempre será posible, pero polo menos hai que tentalo. En Ordes pasamos dun alcalde que fuxía dos veciños, a implantar os sábados de portas abertas unha vez ao mes para que todos os veciños podan falar co equipo de Goberno, mesmo os que non poden facelo de luns a venres pola razón que sexa.

 E cales son as súas principais demandas? 

Se se refire ás demandas veciñais, hai de todo, aínda que probablemente priman as cuestións relacionadas cos servizos municipais: arranxo de viais, abastecemento ou alumeado. E moitas consultas relacionadas coa tramitación do PXOM.

Respecto ás demais administracións, demando o que demandei sempre: trato equitativo e lealdade institucional. Creo que ese obxectivo está logrado coa Xunta, pero fraqueou coa Deputación e saltou polos aires co Goberno central desde a chegada de Pedro Sánchez. Poño un exemplo para quen teña dúbidas: os Orzamentos Xerais do Estado tiñan programado o investimento necesario para executar unha rotonda na estrada N-550 a saída sur da vila, en dirección Santiago, para posteriormente poder conectar a rolda leste coa estrada de Carballo e retirar da vila a parte pendente do tráfico pesado. Pero coa chegada de Pedro Sánchez á Moncloa, ese compromiso esfumouse, malia que tiña rango de lei.

 

Preocúpalle a inestabilidade no Goberno de Madrid? Pode influír no funcionamento dos     municipios? 

Por suposto, e acabo de poñerlle un exemplo, aínda que hai máis, como a débeda do Goberno central coas autonomías.

 

En Galicia vivimos nun país fermoso e envexable ou nos queda aínda moito por mellorar para estar ao nivel doutras autonomías? 

Coincido en que vivimos nun país fermoso, pero non teño claro que vivamos peor. Un dos nosos grandes problemas é que non acabamos de superar é o pesimismo histórico. Creo que xa chegou a hora de ver a botella medo chea. Alguén dixo que Rosalía chorou por todos e para sempre. Xa é hora de que nos apliquemos o conto. Sen caer no triunfalismo, por suposto.

 

Cal é o mellor consello que recibiu na súa vida e de quen?

Complicado responder brevemente. Posiblemente os valores que me inculcou a miña familia desde moi novo: ser honesto, ser un mesmo e ir sempre coa verdade por diante.