Jueves 24.10.2019 Actualizado 01:11
Google    

El Correo Gallego

Noticia 27 de 116 noticia anterior de Porto do Son Área de Compostela » Porto do Son

Comeza a obra de mellora do firme da estrada que une Laranga e Olveira por Seráns, en Porto do Son

Terá unha duración de catro meses e inclúe a limpeza das gabias e das beiravías

S. SOUTO O SON  | 02.08.2019 
A- A+

A Deputación da Coruña comezou as obras de renovación e mellora do firme da estrada DP-7103, de Laranga a Olveira por Seráns, no Concello de Porto do Son. Os traballos foron adxudicados por un importe de 284.691,63 euros, terán unha duración estimada de catro meses e afectarán ao tramo comprendido entre o inicio da estrada en Laranga, na parroquia de Xuño, e o punto quilométrico 4+600, á altura do lugar de Seráns.

A mencionada actuación consistirá principalmente no estendido dunha capa de mestura bituminosa en quente de cinco centímetros de espesor, así coma o fresado mediante medios mecánicos e a demolición do pavimento nos puntos onde se atopa máis deteriorado nas interseccións con outras vías de comunicación. Nos tramos máis antigos do vial tamén se procederá ao estendido e compactado dunha capa de grava de quince centímetros, co obxectivo de mellorar as condicións do firme.

Posteriormente, aplicarase un triple tratamento asfáltico. Ademais destes traballos, segundo indicaron fontes da institución provincial, tamén se levarán a cabo diversas tarefas complementarias para garantir a seguridade e a conservación da vía, coma a apertura e limpeza das gabias, a roza das malezas, o acondicionamento das beiravías ou a reposición das marcas viarias.

O alcalde sonense, Luis Oujo, destacou a importancia destas tarefas para a seguridade vial.