El Correo Gallego

Noticia 34 de 67 noticia anterior de Porto do Son Área de Compostela » Porto do Son

Porto do Son, Muros e Carnota presentan risco de asolagamento

Tamén os ríos Ulla e Sar están sinalados pola superficie que abranguen // Augas de Galicia é a encargada de revisar as áreas con este problema // Poden incrementarse estos fenómenos por mor do cambio climático

Imaxe do río Sieira, en Porto do Son, un dos que presentan risco potencial de inundación - FOTO: ECG
Imaxe do río Sieira, en Porto do Son, un dos que presentan risco potencial de inundación - FOTO: ECG

ALBA PRADA   | 08.04.2019 
A- A+

Augas de Galicia, como organismo de conca da Demarcación Hidrográfica Galicia Costa, está a revisar as áreas con risco potencial de inundación (ARPSIs). O obxectivo non é outro que "obter un axeitado coñecemento e avaliación dos riscos asociados ás inundacións e lograr unha actuación coordinada de todas as administracións públicas e a sociedade para reducir as consecuencias negativas", indicou a presidenta da entidade, Teresa Gutiérrez.

Para acadar dita finalidade analízanse os riscos de asolagamento producidos polo desbordamento dos ríos (inundacións fluviais) e tamén os causados polo mar (costeiras). As primeiras son estudadas por Augas de Galicia e as segundas pola Dirección General de Sostenibilidad de la Costa y el Mar do Ministerio para la Transición Ecológica.

Entre as ARPSIs propostas polo departamento da Xunta e as delimitadas pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Galicia suma máis de 1.420 quilómetros de zonas con este problema, un total de 228 áreas distribuídas nun cento de concellos. Entre as localidades que destacan polo gran número de áreas sinaladas na súa demarcación territorial sobresaen Porto do Son, con 12; Muros, con oito; e Carnota, con seis. E entre as que resaltan pola superficie que abranguen atópase o río Ulla e Sar (en Padrón), con 52 quilómetros.

Augas de Galicia lembrou que nos últimos anos sufriron desbordamentos numerosos puntos de toda a comunidade autónoma. No 2014 este mal afectou a varios municipios de Área: Padrón, Negreira, Valga e Rois; e no 2016 houbo cheas en varios ríos coruñeses: Ulla (Teo), Tambre (Ames), Furelos (Melide), Xallas (Santa Comba), Sar (Rois), Barcala (Negreira) e Anllóns (Carballo, Ponteceso e Cabana de Bergantiños).

Dende o organismo alertan de que o cambio climático pode incrementar a frecuencia destos fenómenos por mor da maior resistencia de chuvias intensas. "As praias da cornixa cantábrico-atlántica experimentarán retrocesos medios próximos aos tres metros", alerta a memoria publicada por Augas de Galicia. Moi diferente é o que pode pasar nas zonas baixas de costa, por efecto da suba do nivel do mar.

O texto deste estudo destaca que "os sistemas costeiros e, en especial, as zonas baixas, desembocaduras dos ríos e estuarios e marismas, experimentarán impactos adversos como a inundación costeira e a erosión debido á suba do nivel marítimo e a cambios na dirección e intensidade da ondada".

Finalmente, o documento recolle que no 2040 a poboación afectada por inundación permanente "estará entorno ao 2-3% da poboación total da provincia da Coruña en 2008".

 

{ A OLLADA }

Solucións efectivas

A IMPORTANCIA DO PLAN de Xestión de Risco de inundación pasa por identificar as zonas con maior probabilidade de desbordamentos para elaborar así os mapas de perigosidade e estudar a parte fluvial, e a da costa. Na primeira, delimítase a zona que sería ocupada pola auga en caso de que se producisen avenidas correspondentes a caudais con distintas posibilidades de ocorrencia e analízanse os elementos que se poderían ver afectados. Na costeira faise un traballo similar pero xa para períodos de 100 e 500 anos. Todo isto permite buscar solucións para os asolagamentos e evitar que se produzan. Un necesario programa, sen dúbida.

 

A PROTAGONISTA

Teresa Gutiérrez

Presidenta Augas de Galicia

"é preciso a colaboración de todos"

O plan, indicou a presidenta, "que puxemos en marcha para xestionar o risco de inundación é o documento base para abordar os asolagamentos na demarcación, e busca reducir os riscos que supoñen para a saúde humana, o medio ambiente, o patrimonio cultural, a propiedade e as actividades económicas". Cabe destacar que a responsabilidade na xestión deste problema "está compartida por numerosas administracións e organismos, cada un actuando nunha etapa ou sobre un aspecto da xestión do risco", apuntou Gutiérrez. A idea é "reducir as consecuencias negativas" coa colaboración de todas elas e a sociedade, sinalou.