El Correo Gallego

Noticia 102 de 103 noticia anterior de Porto do Son Área de Compostela » Porto do Son

Rematan a glorieta de Portosín e eliminan un dos puntos negros

Xa está aberta ao tráfico a rotonda da estrada comarcal AC-550 na que se investiron 370.000 € // Continúan as actuacións para humanizar o entorno da igrexa de Goiáns // Os traballos concluirán antes do verán

Oujo (1º esq.) e Rodeiro (2º) comprobando o resultado das obras da rotonda de Portosín - FOTO: C. de O Son
Oujo (1º esq.) e Rodeiro (2º) comprobando o resultado das obras da rotonda de Portosín - FOTO: C. de O Son

MARÍA CANO  | 27.02.2019 
A- A+

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, acompañado polo alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, comprobaron onte o resultado das obras da glorieta da travesía de Portosín na estrada comarcal AC-550 nas que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade investiu 370.000 euros. Este proxecto inclúese dentro das distintas actuacións que a Xunta de Galicia está levando a cabo para eliminar os puntos negros da rede viaria galega.

Os traballos consistiron en habilitar unha rotonda na intersección da AC-550 no acceso ao porto de Portosín e na Avda. da Constitución, un punto moi conflitivo no que respecta ao tráfico rodado pois rexistra gran cantidade de vehículos pesados que se dirixen cara o peirao. Ademais, nos meses de verán a intensidade de coches increméntase considerablemente, ao que hai que sumar a escasa visibilidade que tiña o cruce.

Ovidio Rodeiro apuntou que "con esta explanada o primeiro que conseguimos foi reducir a velocidade dos vehículos que chegan á mesma e permite facer xiros moito máis seguros". Tamén se colocaron pasos de peóns para aumentar a seguridade dos viandantes e mellorouse o alumeado da zona.

 


SeguridadE. Trátase dunha intervención de reforzo nas estradas de titularidade autonómica que ten o seu marco no Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2016-2020, cuxo último obxectivo é reducir nun 50% as vítimas mortais das carreteras galegas con respecto ás rexistradas no ano 2011. "É unha actuación que responde ás demandas que facía o propio Concello, e polo tanto un exemplo de colaboración entre dúas administracións donde a Xunta de Galicia cumpre así cun proxecto no que inviste case 500.000 euros. Neste momento ponse en funcionamento a rotonda, pero aínda quedan outras actuacións para complementar este entorno. Polo tanto creo que é un bo exemplo de como hai que facer as actuacións de seguridade vial, aproveitando o propio ámbito para que quede moito máis humano ".

A explanada xa está aberta ao tráfico pero a actuación continúa na Avda da Constitución coa urbanización do antigo trazado da AC-550, no acceso á igrexa de Goiáns. Estase levando a cabo unha reorganización do espazo dispoñible para habilitar unha zona para o estacionamento de vehículos e estase rehabilitando tamén o camiño da igrexa coa creación de zonas verdes e paseos peonís. Do mesmo xeito, vaise colocar unha pasarela de madeira para facilitar o acceso ao templo.

A empresa Nemesio Ordóñez, que é a encargada de executar as actuacións, ten de prazo ata o mes de xullo para rematalas pero contan finalizalas antes de que arranque o verán.

{ BLANCO O NEGRO }

Celeridade e seguridade

ESPERANZA POUSO 

O binomio celeridade e tranquilidade lógrase de maneira eficaz con estos distribuidores do tráfico máis que cun stop, un ceda ao paso ou un semáforo. Xa pasaron décadas desde que as rotondas se empezaron a implantar nas nosas estradas e grandes vías urbanas. Agora xa chegaron ós pobos, que tamén temos dereito a evitar deste xeito tanto atascos como accidentes, ademais de mellorar a seguridade viaria, como no caso de Portosín. A esta glorieta pronto se lle sumará a da entrada á vila de Porto do Son, evitando así a confusión dos forasteiros que se achegan ó municipio e se atopan coas actuais illas de canalización do tráfico.

A PROTAGONISTA

María Maneiro

Tenente de alcalde de O Son "esta OBRA era unha prioridade"

"Esta rotonda era unha das nosas prioridades, especialmente de cara á temporada estival, e ao mesmo tempo recuperamos toda a fermosa contorna do templo de Goiáns. Ademais, a travesía da igrexa que vai conectar con toda a rotonda ata o peirao está adxudicada cunha inversión de 182.000 euros. E tamén as beirarrúas que unen O Mariño, nas que imos investir cerca de 35.000 €. Incluiremos nesta zona un semáforo, imprescindible para ter pasos de peóns, e daremos reposta a unha demanda veciñal. Desde o executivo local estamos moi satisfeitos co antes e despois que suporán estes traballos que se están a executar en Portosín"