El Correo Gallego

Noticia 40 de 100 noticia anterior de Porto do Son Área de Compostela » Porto do Son

Retoman os traballos na igrexa de San Sadurniño

Concello e Infraestruturas interrumpiron a actuación en Portosín para evitar que o lumeado público quedara aéreo

Imaxe actual da contorna da igrexa de Portosín - FOTO: ECG
Imaxe actual da contorna da igrexa de Portosín - FOTO: ECG

MARÍA CANO PORTO DO SON   | 17.05.2019 
A- A+

A empresa Nosa, adxudicataria da obra da rotonda de Portosín, en Porto do Son, retomará nos vindeiros días os traballos na contorna da igrexa desta parroquia despois de que o Concello, xunto con responsables técnicos da Consellería de Infraestruturas, decidiran interrumpir as intevencións.

A actuación detívose porque "non queríamos que os cables do lumeado quedaran aéreos", comentou o alcalde sonense, Luis Oujo, quen explicou que "Unión Fenosa tiña que soterralo e estaba obrigado a pedir autorización tanto a Augas de Galicia como a Patrimonio". Trámites que levaron varias semanas.

Cómpre lembrar que o proxecto contempla nas inmediacións do templo de San Sadurniño de Goiáns a creación de catro zonas de aparcadoiros que sumarán un total de sesenta e oito prazas. Tamén se plantarán unha vintena de árbores, executarase unha pasarela de madeira sobre o Rego da Igrexa, para facilitar o acceso, e humanizarase o espazo rehabilitando o camiño cun lousado de pedra.

Por unha banda, as obras no seu conxunto supoñerán a mellora da seguridade vial do que é o acceso ao núcleo de Portosín e aliviarán o tráfico pesado de entrada ao porto. E por outra, "poñerase en valor un entorno privilexiado coroado pola igrexa de Goiáns", destacou Luis Oujo.

Dende o goberno local esperan ter rematados os traballos durante o vindeiro mes de xuño "antes de que comece a época de maior afluencia de turismo", sinalou o rexedor.