El Correo Gallego

Noticia 22 de 100 noticia anterior de Porto do Son Área de Compostela » Porto do Son

Segue medrando a xa consagrada Feira Celta de Porto do Son

Nas rúas do casco histórico da vila celebraranse actividades ao longo do venres, o sábado e o domingo

Membros da Corporación nunha edición anterior desta cita - FOTO: ECG
Membros da Corporación nunha edición anterior desta cita - FOTO: ECG

BRAIS FDEZ. PORTO DO SON  | 24.07.2019 
A- A+

O casco histórico de Porto do Son acollerá esta fin de semana unha nova edición da súa xa consagrada Feira Celta. Pese a ser de recente creación, o certame amplía as actividades e o espazo expositivo logo do gran éxito colleito o ano pasado.

Desde a apertura do mercado, este venres ás 17.30 horas, máis dun cento de funcións de todo tipo ambientarán a cita, dándolle cor aos obradoiros e postos de venda que haberá na vila.

Deste xeito, as prazas de España e de Rosalía de Castro e as rúas Trincherpe, Luchana, Camiño Novo, Fernando Fariña, Visitación e Atalaia viaxarán ao medievo, engalanándose para a ocasión, para recibir á xente e aos profesionais que animarán ao numeroso público.

O amplo programa arrincará coas representacións de El fauno llega a la villa; Arbrol, guardian del bosque; La captura del dragón; El grimorios; Keltol malabares y peripecias; Los trasgos; Los druídas de la música; Nuberu, el dueño de la tormenta; Un guerrero un tanto bárbaro; El barrendero; Ludo, el comepiedras; La tribu, una familia unida; Sones de meigas y danzas; Audacix y osadix; Con malabares jugamos; Llegados de tierras lejanas; ¡Cuidado, fuego!; A quemarropa; La dama de la noche, bestias y seres e Los druídas.

A maiores, faranse tamén mostras de títeres, pasarrúas e concertos de folk ou distintos xogos relacionados cos festexos cos nenos e nenas que participan no campamento de verán.

O sábado, os organizadores, esta vez La Fragua de Vulcano, prepararon unha xornada que comezará ás 11.00 e na que se repetirán algúns dos espectáculos da data inaugural, pero na que sorprenderán outros novos como Los duendes, esos curiosos seres; En un mundo de celtas; Alegría y jolgorio en el asentamiento; Desde las alturas; Sabios y druidas; Daboleando; Habemus Celtus; El hechicero ou Un desafortunado muy comprometido.

Con todo, o prato forte desta velada chegará pola noite coas exhibicións de gran formato, nas que o lume será o protagonista. Primeiro, ás 22.00, será a quenda de Subumbra e, unha hora despois, a de Quimera.

O evento pecharase na sesión dominical, de novo con troula desde o albor ata a medianoite, na que destacan Conjuros de alegría, Un guerrero un tanto bárbaro, Una gran bola ou Trastolillo, un duende revoltosillo. A estes sumaránselle demostracións e desfiles xa vividos con anterioridade, así como moita música de época.

Despedirase, deste modo, co obxectivo do goberno municipal de superar as cifras de visitantes da anterior edición, evidenciando así o interese que xera este encontro xa instaurado no calendario estival da comarca.