El Correo Gallego

Noticia 3 de 74 noticia anterior de Porto do Son Área de Compostela » Porto do Son

O Son reforza varias áreas no verán con sesenta operarios

Un operario do Concello de Porto do Son realizando traballos de limpeza na parroquia de Baroña - FOTO: ecg
Un operario do Concello de Porto do Son realizando traballos de limpeza na parroquia de Baroña - FOTO: ecg

MARÍA CANO PORTO DO SON   | 07.06.2019 
A- A+

O Concello de Porto do Son está tramitando os procesos de selección para a contratación de persoal co obxectivo de cubrir as necesidades de servizos de cara á tempada estival. En total, entre os postos que se ofertan están 4 peóns de obras, 4 auxiliares de Policía Local e 16 operarios para a limpeza dos areais.

Polo que respecta aos peóns de obras e servizos, cos que se aumentarán os membros da brigada municipal, traballarán durante un período de seis meses e medio. Estes postos serán parcialmente financiados polo Programa Integral de Emprego da Deputación da Coruña. "Con estas novas incorporacións, preténdese dar resposta ó considerable incremento das actuacións nesta área durante os meses de verán", sinalou a tenente de alcalde de Porto do Son, María Maneiro.

En canto aos auxiliares, prazas que se cubrirán con fondos propios municipais, traballarán durante un tempo de catro meses. "Estes profesionais contribuirán a prestar un correcto servizo de seguridade, o cal é necesario ampliar polo escaso número de efectivos actuais", comentou a concelleira, quen puntualizou que "si ben é certo que se veu reforzada coa colaboración da Agrupación de Protección Civil, sigue sendo necesaria a ampliación desta plantilla".

Ademáis, o goberno local ten aprobada "unha oferta de emprego pública a través da cal se dotará de forma definitiva a praza de oficial de Policía Local e outra de Policía, coas que se mellorará considerablemente a dotación de persoal de seguridade", salientou Maneiro.

Tamén está en proceso o procedemento de contratación do persoal de limpeza de praias, financiado parcialmente polo programa destinado a este fin da entidade provincial. En total, convócanse 16 prazas, 12 de peóns e 4 capataces, que asinarán un contrato por dous meses e darán cobertura de limpeza das praias en xullo e agosto. "A gran extensión de costa no noso municipio fai que sexa unha total prioridade contar cuns areais limpos e en perfectas condicións para recibir tanto aos veciños como aos turistas que se acheguen a nosa vila", destacou.

A estes procesos xa en marcha, hai que sumar os que o Concello ten previsto aprobar nas vindeiras datas: as prazas de socorristas, vinte monitores de tempo libre para os campamentos municipais e o persoal da brigada de incendios. Esta última, financiada a través dun convenio coa Consellería de Medio Rural, permitirá a contratación dun capataz, un peón conductor e 3 peóns contraincendios, ademáis de dous conductores de motobomba.