El Correo Gallego

Noticia 35 de 68 noticia anterior de Rianxo Área de Compostela » Rianxo

O BNG reclama residencia comarcal e conexión ferroviaria para Barbanza

Presentou emendas ós Orzamentos da Xunta por máis de sete millóns de euros

S. S.   | 04.12.2019 
A- A+

O deputado nacionalista Xosé Luís Rivas Mini e o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, acompañados de representantes do BNG dos catro concellos barbanzáns, presentaron onte as emendas de dita formación, por máis de 7 millóns de euros, ós orzamentos da Xunta para 2020.

Trátase do estudo técnico para a implantación dunha conexión ferroviaria na zona; unha residencia comarcal de maiores e a dotación dunha ambulancia medicalizada para Ribeira; o arranxo e mellora do centro de saúde, o remate da escola infantil, das rampas da Ribeiriña e Conchido e dos pantaláns do peirao da Pobra; a mellora da depuradora ou a construción dunha nova en Boiro; e a reforma do Pazo do Martelo para garantir a accesibilidade, a eliminación de humidades e a modernización da biblioteca, así como a reforma do Pazo de Rianxiño mercado polo Concello para destinalo a un uso social como centro de día, en Rianxo.

Rivas sinalou que a política do Executivo autonómico "esquece as demandas sociais coa poboación dos catro concellos do Barbanza, como son a mellora dos servizos públicos e sociais como a sanidade ou a atención á dependencia".

Pola súa banda, e en referencia ó centro de día rianxeiro, o alcalde dixo que "queremos que a Xunta apoie a súa posta en marcha no Pazo de Rianxiño e, no caso de que queira negarlle aos veciños e veciñas este dereito, que o diga claramente". Sobre a conexión ferroviaria, o Bloque entende que non sería moi custosa, pois as vías xa pasan por Rianxo e só sería necesario proxectar unha liña que chegase a Ribeira.