El Correo Gallego

Noticia 6 de 76 noticia anterior de Rianxo Área de Compostela » Rianxo

Comeza a ampliación da depuradora de Rianxo, cun investimento de 7,5 millóns

Construiranse dúas liñas de tratamento, e cada unha recibirá a metade do caudal que pode tratar a planta

Traballos de ampliación do colector, en Rianxo. - FOTO: Suso Souto
Traballos de ampliación do colector, en Rianxo. - FOTO: Suso Souto

S. S.   | 01.03.2020 
A- A+

Rianxo. A Xunta de Galicia iniciou as obras de ampliación da estación depuradora de augas residuais de Rianxo, cun investimento de máis de 7,5 millóns de euros. A actuación, impulsada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, ten por obxectivo adecuar a capacidade de tratamento destas instalacións ás necesidades reais e solucionar a problemática actual derivada do excesivo volume de augas residuais en rede e da súa carga contaminante.

Para conseguir esta dobre mellora, tanto da capacidade de tratamento como da eficiencia da planta, executarase unha condución de impulsión, a ampliación do propio complexo e conducións para o desaugadoiro.

Máis en concreto, construiranse dúas liñas de tratamento das augas independentes e cada unha recibirá a metade do caudal que pode tratar a instalación. Cada unha dela contará cos seguintes procesos: tamizado, desarenado-desengrasado, tratamento biolóxico, desinfección por ultravioleta e liña de lodos. Tamén contará cunha de pretratamento común para a totalidade do caudal. Así mesmo, a execución das dúas liñas de tratamento farase en dúas fases distintas, o que permitirá que a depuradora actual funcione en todo momento.

Co remate destas obras e coa entrada en servido da depuradora, o núcleo de Rianxo contará coa capacidade de depuración suficiente para todo o caudal xerado na aglomeración.

A mencionada planta depuradora terá unha capacidade total para 23.163 habitantes-equivalentes. Cómpre lembrar que estes traballos (que forman parte do Plan de Saneamento Local para a Ría de Arousa posto en marcha polo Executivo galego) completan as actuacións que se están a executar xa no tanque de tormentas e coa ampliación do colector, cun investimento de 6,5 millóns de euros, coa finalidade de incidir na mellora da calidade das augas da ría e na recuperación de zonas costeiras. O orzamento total acada un importe de 14 millóns de euros, e conta con financiación nun 80 % do programa operativo europeo Feder.