El Correo Gallego

Noticia 32 de 68 noticia anterior de Rianxo Área de Compostela » Rianxo

Eliminan un vertido de augas residuais no río Te ao seu paso por Rianxo

Identificaron a orixe nas deficiencias das infraestruturas de saneamento no Batán

M. T.   | 26.11.2019 
A- A+

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través do organismo Augas de Galicia, vén de comprobar a emenda dun vertido de augas residuais que se viñan producindo ao río Te, no lugar de O Batán, ao seu paso polo Concello de Rianxo, derivados de deficiencias nas infraestruturas de saneamento existentes neste lugar.

Diso informou o Goberno galego nun comunicado no que sinalou que, no marco dos controis de calidade da masa de auga da bacía intracomunitaria de Galicia-Costa levados a cabo pola Administración hidráulica da Xunta, o seu persoal advertiu a existencia de vertidos de augas residuais e deron traslado da información ao Plan de Control de Vertidos para que se puidesen adoitar as accións oportunas co fin de emendar as emisións contaminantes ao leito fluvial.

Ante esta situación, os técnicos de Augas de Galicia xiraron inspección ao lugar na compaña de persoal da empresa concesionaria da xestión do servizo de saneamento municipal, identificando a orixe dos mesmos nas deficiencias que presentaban as infraestruturas de saneamento no entorno da ponte sobre o río existente no lugar do Batán, según explican.

Dende o organismo hidráulico da Xunta requiriuse a adopción por parte do Concello rianxeiro das medidas correctoras oportunas para o cese das verteduras, que procedeu ao selado das fisuras existentes no colector de chegada ao bombeo e na substitución dun tramo da condución de impulsión que se atopaba deteriorado.

Os inspectores de Augas efectuaron recentemente a inspección de seguimento ao citado lugar e puideron verificar que, unha vez se executaron as actuacións mencionadas anteriormente, cesaron os vertidos e polo tanto a presión contaminante sobre o río Te, explicaron as fontes.