El Correo Gallego

Noticia 1 de 70 noticia anterior de Rianxo Área de Compostela » Rianxo

Lousame e Rianxo fan un miradoiro de 360 graos

Está no Monte Muralla, entre ambos concellos, a 674 metros e con vistas á Catedral e ás Cíes

Adolfo Muíños e Teresa Villaverde, onte visitando os traballos de construción do miradoiro do Monte Muralla - FOTO: C.L.
Adolfo Muíños e Teresa Villaverde, onte visitando os traballos de construción do miradoiro do Monte Muralla - FOTO: C.L.

SUSO SOUTO   | 06.12.2019 
A- A+

A alcaldesa de Lousame, T­eresa Villaverde, e o rexedor de Rianxo, Adolfo Muíños, visitaron onte as obras de construción do mira­doiro do Monte Muralla, emprazamento no que se unen xeograficamente ambos municipios. Está situado a unha altura de 674 metros e, unha vez rematado, ofrecerá unha espectacular panorámica de 360 graos que permitirá contemplar dende as torres da Catedral de Santiago, Padrón, o val do Té e as Illas Cíes, por un lado, ata o val de Aldarís, a ría de Muros-Noia e o Monte Louro, polo outro. A actuación, que leva a cabo a empresa Pavimentos Noia, está financiada por Agader con 40.000 euros e completarase con achegas dos dous concellos e das comunidades veciñais de montes de Aldarís (Lousame) e Campelo, Vilar e Cerqueiras (Rianxo).

Villaverde dixo que "agardo volver no prazo dun mes coa maior parte do traballo xa feito, co miradoiro xa operativo e coas antenas e os restos de ferralla actuais xa retirados, pois é unha actuación que tamén busca a mellora medioambiental".

Pola súa banda, Muíños sinalou que "está chamado a ser un dos grandes miradoiros da comarca e mesmo de Galicia".

O proxecto inclúe a construción dunha estrutura en formigón armado e perfís laminados, cun acabado exterior de táboas de madeira maciza de elondo, así como a pavimentación de dúas zonas de aparcamento no acceso (xa en marcha nestes momentos).

Nas próximas semanas procederase á pavimentación de 360 m2 da contorna con 20 centímetros de zahora estabilizada con cemento, previo acondicionamento, nivelación e rasanteo da zona. Así mesmo, colocaranse unha varanda de malla de aceiro inoxidable e pasamáns de madeira de elondo nunha superficie de 100 metros.

Tamén se contempla a retirada dunhas instalacións existentes (antenas). No lugar instalarase unha mesa e seis bancos de pedra granítica, así como dous paneis panorámicos, segundo as indicacións do Manual de Sinalización Turística de Galicia, con toda a información sobre a zona. Así mesmo, ambas administracións locais acometerán melloras nos accesos viarios ao lugar e instalarán a sinalización pertinente.