El Correo Gallego

Noticia 26 de 48 noticia anterior de Rianxo Área de Compostela » Rianxo

Programan a presentación de 3 libros e un concerto no auditorio rianxeiro

Hoxe dase a coñecer a publicación que saíu do obradoiro local de escrita creativa

SUSO SOUTO RIANXO  | 26.04.2019 
A- A+

O auditorio de Rianxo acollerá nos vindeiros días as presentacións de tres interesantes publicacións. A primeira terá lugar hoxe ás 21.00 horas. Trátase de Liñas compartidas, libro realizado polas persoas participantes no obradoiro de escrita creativa impartido na localidade. No acto intervirán o alcalde, Adolfo Muíños; Patricia Torrado (da editorial Toxosoutos); Daniel Asorey (da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega); e Anton Riveiro Coello (escritor e docente do citado taller literario). Todos eles farán un coloquio con varias autoras da obra. A apertura e o peche musical correrá a cargo de Gloria Cespón Gey (frauta).

Por outra banda, o venres día 3 de maio, ás oito e media da tarde, darase a coñecer Do Sar ao monte Louro. Memorial da represión 1936-1950, de Xesús Costa Rodil (autor) e Xesús Santos Suárez (colaborador).

Estarán presentes tamén o rexedor local; a alcaldesa de Muros, María Xosé Alfonso Torres; Lourenzo Fernández Prieto (profesor da USC); e Xosé Comoxo (historiador local). E, finalmente, o venres 10 de maio, ás 20.30 horas, será o turno de Conserveiras. De veleiro, Vicedo, Bares e Barqueiro (a xénese industrial), de Carlos Nuevo Cal e Vicente Míguez Salgueiro.

Ademáis dos autores estarán Manuel Cartea (presidente do colectivo cultural Barbantia) e José Manuel Vázquez Lijó (do Museo do Mar de Porto do Son).

Noutra orde de cousas, o sábado 11, ás 21.00, terá lugar o concerto do novo disco de Barahúnda, Onde vai o mar. A formación actuará en cuarteto e contará con Tero Rodríguez como artista convidada.