El Correo Gallego

Noticia 12 de 15 noticia anterior de Rianxo Área de Compostela » Rianxo

Retoman a reforma da casa de Rafael Dieste tras atoparse unha pía de peixe

Pode datar do século XVII, utilizábase para procesar o produto e protexerase cun cristal

Os operarios de Galaecia retomaron os traballos - FOTO: C.R.
Os operarios de Galaecia retomaron os traballos - FOTO: C.R.

S. S.   | 27.02.2019 
A- A+

Rianxo. O departamento de Patrimonio da Xunta acaba de autorizar a continuación da rehabilitación da casa natal do escritor Rafael Dieste, en Rianxo (sometida a control arqueolóxico) despois de permanecer tres meses parada polo achádego dunha pía de peixe.

Trátase dunha pedra de granito de metro e medio de ancho e de longo (usada antigamente para procesar os produtos do mar) que apareceu soterrada na parte baixa da soleira da vivenda, sita na fachada marítima, no lugar usado no seu día como garaxe e no que o autor deu clases.

O alcalde, Adolfo Muíños, dixo que pode datar do século XVII e que "se ben pode que non teña moito valor patrimonial, si o ten dende o punto de vista histórico, pois atestigua unha actividade popular cotiá na vila daquela época".

Por iso, unha vez remate a restauración do inmoble (que iniciou a firma Galaecia fai un ano e conta cun orzamento de 181.300 €) a peza colocarase no chan cuberta cun cristal e iluminada para que se poida contemplar durante as visitas ó futuro museo do autor.

Na planta baixa habilitarase a zona expositiva e, na primeira, reproduciranse as estancias con mobles e obxectos de Dieste.